Vence: "Feijóo fixo o discurso dun rei mago, non do presidente dunha GZ en crise económica e social"

“Un discurso baleiro, vaporoso, cheo de incenso para si mesmo que máis parecía o salmo dun rei mago diante do portal de Belén que o discurso serio do presidente da Xunta dun país que vive unha gran crise económica, social e política”. Así definía o portavoz nacional, Xavier Vence, a intervención do presidente da Xunta con motivo do fin de ano.

No que cualificou de “illa de fantasía” do CTAG, Vence subliñou que “nun exercicio de desprezo da realidade que vive a xente, fala dunha Galiza que xa está saíndo da crise, ignorando ás miles de familias que viven na pobreza, con salarios de miseria ou no paro e vendo como miles de mozos e mozas teñen que coller as maletas da emigración”.

Par o dirixente nacionalista, o presidente da Xunta ignora que Galiza ten unha economía que agoniza, cunha caída da produción industrial do 7%, estrangulada polos recortes, cos prezos da enerxía máis caros de Europa e con preto de 270.000 parados. “Ir a illa do CTAG, non pode agochar que desde que goberna Feijóo, a I+D+i retrocedeu un 2%”.

“No seu discurso non escoitamos nin unha soa palabra para os comerciantes que pechan, para os gandeiros que abandonan, para os mariñeiros do cerco ou do xeito, para os traballadores que sofren expedientes de regulación e tampouco houbo palabras para ese capital humano que agasallamos a Alemaña en forma de emigración”, lamentou.

A falta de méritos propios, Feijóo pretende colgarse as medallas dos que con gran esforzo persoal e sen apoio oficial conseguen grandes resultados como son os nosos artistas e deportistas, critica.

Vence tamén foi moi crítico coa falta de contundencia no referente á “corrupción estrutural” que afecta ao PP. “Demostra falta de respecto á cidadanía cando nin sequera se atreve a mencionar polo seu nome á corrupción que lle afecta de cheo ao PP, a persoas próximas a el mesmo, e ao financiamento ilegal do seu partido, ignorando o carácter estrutural da corrupción que lle afecta ao PP e á complicidade cos lobbies para os que goberna”.

Igualmente, Vence considera que o discurso supuxo “un novo canto provinciano de submisión a Madrid e Bruxelas, sen afirmar a máis mínima vontade da defensa dos intereses de Galiza das imposicións que nos veñen de fora”. “Nin sequera fon quen de facer un chamamento ao uso do galego con normalidade por ser o idioma propio do país”.

Con conclusión, “significa que de cara ao 2015 non hai nada que poda ofrecer Feijóo e desde o BNG pensamos que debe ser o ano que marque un punto de inflexión para pasar páxina deste Partido Popular que conduce ao país a un declive tanto no económico, como no social, como nos propios sinais de identidade e sentar as bases para un país con futuro”.