Vence esixe un cambio radical das políticas económicas para que Galiza poida ter futuro

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou esta mañá en Vigo xunto á CIG na manifestación do Primeiro de Maio, onde afirmou que “estamos na celebración dun Primeiro de Maio moi especial, marcado por unha crise social profundísima que esixe que toda a cidadanía se revolva contra estas políticas do goberno central, da Xunta e da Troika que están destrozando a economía do país e destrozando o emprego” polo que Vence foi rotundo e remarcou que “necesitamos cambiar totalmente a orientación das políticas económicas para que este país poida ter futuro, para que poidamos volver a ter emprego e xerar riqueza”.

Xavier Vence afirmou en Vigo que “o Partido Popular está contribuíndo máis á desaparición do capitalismo en Galiza que todos os comunistas xuntos, xa que o PP en Galiza, con Núñez Feijóo á fronte, está sendo testemuña da desaparición de empresas importantes para o país todos os días e non está facendo absolutamente nada”.

“Desde o BNG cremos que é necesario reaccionar, non podemos admitir este proceso de desmantelamento industrial acelerado que estamos padecendo e é necesario que o goberno da Xunta de Galiza se poña á fronte deste país con políticas activas de rexeneración do tecido industrial, poñendo o sistema financeiro ao servizo da industrialización do país” - afirmou Xavier Vence, mais fixo especial fincapé en que “en vez de converter todo o país en súbdito e entregar todos os recursos para o rescate da banca especulativa, é preciso poñer a banca ao servizo da industria, ao servizo da creación de emprego e ao servizo do desenvolvemento do país”.

En resposta ás preguntas dos medios sobre a posíbel venda de Barreras, Vence afirmou que “é realmente un símbolo do desastre da política industrial do PP” e “non ten ningún sentido que o presidente da Xunta de Galiza se converta nun broker que se dedica, en vez de a atraer novas empresas e crear novas empresas, a vender as empresas do país ao capital estranxeiro”.