Vence dille a Feijóo que ir a Bruxelas a colgarse medallas de nada lle serve ao sector pesqueiro
O sector pesqueiro sofre unha situación de estrangulamento e parálise da súa actividade da que o BNG responsabiliza ao Goberno da Xunta pola súa incapacidade de anticiparse aos problemas e de negociar solucións en Madrid ou ante as autoridades comunitarias.
O portavoz nacional, Xavier Vence, denuncia que a situación do cerco, arrastre e do xeito, e as ameazas á industria conserveira do atún e do mexillón non var ter solución con visitas a destempo de Feijóo a Bruxelas cuxa única intención real é sacar réditos do traballo de outros.
Quero dicirlle ao señor Feijóo que Galiza precisa dun goberno que anticipe os problemas, que teña unha axenda de negociación a tempo en Bruxelas e en Madrid, e que non vaia a toro pasado ben a certificar o estrangulamento do sector, ben a colgarse medallas do traballo que tivo que facer directamente o sector, no caso do xeito, cunha delegación da man do BNG, subliñou Vence.
O dirixente nacionalista citou catro cuestións concretas que sitúan ao sector pesqueiro nunha situación límite xa en 2015.
Reparto inxusto das cotas de pesca para o cerco e o arrastre que apenas dan para dous meses de actividade, a situación do xeito con a ínfima cantidade de 200 toneladas de sardiña para este ano, a industria conserveira do atún coa ameaza de supresión de aranceis de materia prima procedente de Filipinas e, por último, a falta de identificación da orixe do produto na etiquetaxe que afecta ao mexillón.
No caso do xeito, lembrou tamén a proposta normativa da Comisión europea para prohibir as redes de deriva, ameza que confíamos conxurada, salientou Vence, tras as explicacións dadas polo sector en Bruxelas suplindo o desleixo da Xunta, que o próximo mércores se enfronta a primeira votación na Eurocámara.
Pero non todo se decide na UE. No caso do reparto de cotas e do fondo pesqueiro, a día de hoxe a negociación está en Madrid ante o ministerio, onde o Goberno galego debería negociar a favor da frota do país unha distribución das capturas de xarda, xurelo e sardiña que non condene a nosa frota ao desmantelamento.
En relación aos fondos de pesca, Vence avanzou que o Bloque non comparte que se adiquen a financiar o despece de barcos e a acuicultura intensiva. É ir na dirección contraria do que precisa o sector, desmantelando as nosas artes de pesca tradicionais a favor da cría artificial de peixe desde a acuicultura industrial, concluíu, tras asegurar que o BNG seguirá a defender á pesca galega con iniciativas no Parlamento galego, no Congreso e na Eurocámara.