Vence chama a participar masivamente no Día da Patria contra a corrupción e por un futuro digno

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou na tarde de hoxe nun acto público convocado polo BNG de Ferrolterra no marco da campaña polo Día da Patria. O portavoz nacionalista, que reiterou a petición de dimisión de Rajoy e Feijóo dada a obscenidade da corrupción sen límites no Partido Popular, chamou o pobo a sumarse masivamente á manifestación do BNG o próximo 25 de xullo. “O Día da Patria debe ser unha xornada masiva de rebelión do país fronte á corrupción, ten que ser un día en que os galegos e galegos digamos até a aquí chegamos e que basta xa de destrución económica”, sinalou.

“O Día da Patria ten que ser unha xornada de loita por un futuro digno para o noso país, un futuro que pasa pola soberanía nacional, pola capacidade de decidirmos en funcións dos nosos intereses e non dos intereses de Bruxelas nin de Madrid”, salientou.

Vence denuncia a falta de iniciativa de Feijóo para resolver os problemas de fondo da industria da comarca que “está esmorecendo”

Xavier Vence centrou a meirande parte da súa intervención na falta de política industrial e dos dramáticos efectos do abandono ao que a Xunta de Galiza somete a Ferrolterra. De feito, puxo de manifesto que coas principais industrias e servizos desmantelados, o paro na comarca xa chega ao 34% e segue en aumento. Só no último ano, expuxo Vence, a comarca viu como pecharon 26 empresas e se autorizaron 14 expedientes de regulación de emprego. Neste contexto dramático, o nacionalista denunciou a “falta total de iniciativa” de Feijóo para resolver os problemas de fondo da industria da comarca que, salientou, “está esmorecendo”.

Xavier Vence sinalou que “a industria naval de Ferrol está paralizada polos vetos da Unión Europea, dada a prohibición da construción civil nos estaleiros públicos, e pola falta de financiamento”. Malia este contexto, acusou a Feijóo de non facer absolutamente nada para resolver o problema de fondo da construción naval e lembrou que os contratos de Pemex seguen no aire. Nesta liña, advertiu de que “foi o Partido Popular quen descapitalizou PIMAR, que estaba actuando de avalista para que houbese garantías nos empréstitos solicitados polos estaleiros”. “Todos os instrumentos financeiros que se precisan en industrias intensivas de capital están desmantelados”, apuntou. Por iso, advertiu da necesidade imperiosa de crear unha banca pública galega que apoie a política industrial de Ferrolterra.

Tamén aludiu Xavier Vence á industria eólica da comarca, que se atopa nunha situación de parálise e en pleno proceso de desmantelamento. O portavoz nacionalista insistiu “na responsabilidade do PP no proceso de liquidación do Plan Eólico, que na comarca de Ferrolterra supuxo a perda de 1.500 postos de traballo no sector nos últimos cinco anos, cando Galiza podería aproveitar mellor os seus recursos” e propuxo vixiar desde a Xunta de Galiza e o Ministerio de Industria o mantemento dos postos de traballo, de acordo ás axudas públicas á industrialización que percibiron GAMESA e ALSTOM.

Ferrolterra precisa erguerse contra quen causa esta desfeita: as políticas do PP na Xunta e no Estado e da Unión Europea

Xavier Vence puxo de manifesto que “Ferrolterra precisa erguerse contra quen causa esta desfeita: as políticas do PP na Xunta e no Estado e da Unión Europea”, unhas políticas que “impiden o desenvolvemento económico e social desta comarca ao prohibir producir e aproveitar os nosos propios recursos”, afirmou.

“Por iso, no BNG demandamos soberanía, para poder administrar dende Galiza os nosos propios recursos e para tomar as decisións políticas acordes aos intereses do noso país”, salientou o portavoz nacionalista. “De sermos soberanos, o levantamento do veto á construción naval civil sería un feito”, engadiu.