Vence: "O BNG vai recuperar o papel político que sempre tivo na sociedade galega"

O Portavoz nacional do BNG, Xavier Vence avoga por acordos e confluencias con forzas “ nacionalistas” na senda soberanista

 Xavier Vence compareceu hoxe, por primeira vez ante os medios de comunicación  tras ser elixido portavoz nacional do BNG na XIV Asemblea celebrada onte en Compostela para avaliar os acordos aprobados.

Rodeado da nova executiva, o portavoz nacionalista  congratulouse da “cohesión do BNG” e ambiente  de consenso da Asemblea Nacional onde, ao seu xuízo, cumpríronse todas as expectativas, tanto de asistencia como de participación da militancia.

Vence asegurou que, tras  cinco meses de debate profundo coa base social, o BNG  a partir de agora,  “trasladará á sociedade galega “as mensaxes das conclusións das teses aprobadas” onte por unha abrumadora maioría.

O BNG recuperará o papel que sempre tivo entre a cidadanía galega

Inauguramos unha nova era na que a “transmisión de alternativas” contra a política neoliberal será o noso primeiro obxectivo, dixo, e dese ambiente de consenso, ao redor do programa político, sae “unha dirección renovada no 80% e cunha importante incorporación de xente moza”.

Con este proxecto “ilusiónante”, manifestou, conseguiremos “recuperar o papel  político que o BNG sempre tivo entre a sociedade galega, reconectar coa cidadanía, ser a opción da maioría d@s galeg@s e unha alternativa ás políticas neoliberais que encarna o Partido popular no Estado español e Galiza”.

O novo voceiro nacional avanzou que entre as prioridades da axenda de traballo figura “reforzar o papel institucional do BNG nos Parlamentos galego, español e europeo” así como nos concellos nos que goberna ou ten representación.

A presenza do BNG dentro dos movementos sociais tamén será unha constante da recen elixida dirección nacionalista, gran parte da nosa militancia, dixo “é motor activo” destes movementos participando como cidadáns e nacionalistas.

Alternativa soberanista fronte á crise económica

Na súa primeira comparecencia ante os medios, o portavoz do BNG aludiu a apertura dun “proceso de debate na sociedade” sobre a alternativa soberanista como “marco global para construír unha alternativa á crise económica do neoliberalismo” e queremos facelo, asegurou, con todas as forzas e persoas nacionalistas galegas “sen restricións de siglas”.

Neste sentido, engadiu que en Galiza existen outras forzas nacionalistas coas que o BNG tentará “establecer relacións de colaboración sobre aspectos como a loita pola soberanía e o levantamento da conciencia nacional galega” para acadar “un movemento multicolor” onde poidan estar todas as organizacións políticas que compartan esta liña de traballo.

O único criterio, especificou, será, “traballar con forzas netamente nacionalistas que respondan ao principio de autoorganización sen supeditación a forzas alleas estatais”.

A preguntas dos xornalistas sobre a renuncia do deputado Carlos Aymerich, o portavoz nacional do BNG amosou o seu “grande respecto” a decisión persoal do ex-deptudo de retirarse do primeiro plano da vida institucional para volver á Universidade   e confiou  contar coa súa colaboración  ao igual que co colectivo Abrente que onte mesmo brindou o seu respaldo a nova xeira que agora enceta o BNG.