Vence: BNG aposta polo comercio local, PP e PSOE polas multinacionais da alimentación que acaban co noso agro
O maior radical deste país é Feijóo, radical no uso da mentira e na aplicación de políticas en contra de Galiza
Na feira de Amio, con Rubén Cela, defendeu unha comercialización rendible para os produtores, agora sometidos ás distribuidoras
O portavoz nacional, Xavier Vence, explicou esta proposta tras a visita á feira cabalar de Amio, xunto co candidato de BNG-Asembleas Abertas de Santiago, Rubén Cela, nas antípodas do que defenden populares e socialistas.
Para o BNG a alternativa para ter un sector agrogandeiro con futuro que permita unha alimentación de calidade hai que romper o modelo da grandes cadeas de distribución que impulsan PP e PSOE, a través das multinacionais da alimentación, explicou Vence.
Aí temos unha liña de diferencia moi clara, dixo, entre as políticas do BNG-Asembleas Abertas polo comercio de proximidade, e as que promove o bipartidismo de grandes cadeas e superficies que fomentan un modelo de consumo estándar a nivel mundial que rompe coa diversidade e coa calidade de alimentos, e destrúe o tecido produtivo e o comercio local, fontes de emprego e de ingresos.
O Bloque defende unha conexión directa entre produtores e consumidores a través do comercio de proximidade que permita prezos xustos e acceder a alimentos frescos de calidade. É unha aposta que contrapoñemos ao modelo da gran distribución do PP e do PSOE, sintetizou.
Cela, Santiago tamén é rural
Pola súa parte, Rubén Cela fixo fincapé en que o sector agrogandeiro será unha das apostas dos nacionalistas para o vindeiro mandato, porque Santiago é moito máis que a Catedral, o Ensanche e os seus barrios. Santiago ten moito rural e moito potencial no sector agrogandeiro.
Cela destacou que o mercado de gando de Amio segue a ter esa función, grazas ás loitas dos colectivos de veciños e veciñas, co BNG ao seu carón, e lembrou con datos a decisión inexplicable que pretendeu levar adiante o PP.
O mercado de Amio pechou o 2014 sendo o segundo mercado de gando de todo o Estado, cunha comercialización superior ás 100.000 cabezas de gando vacún, cun movemento económico de 42 millóns de euros. Polo tanto, subliñou, Amio é un elemento moi importante na dinamización económica e na diversificación da base produtiva de Santiago e pretendía ser pechado exclusivamente polo capricho do PP.
Vence replicou ás acusación de radicalismo coas que Feijóo pretendía descualificar ao BNG: O maior radicalismo que coñezo neste país é o do PP, porque o seu fanatismo neoliberal conduce á destrución da nosa capacidade produtiva. Radicalismo, dixo, o de Feijóo, radical no uso da mentira, radical nas políticas económicas en contra do país e radical en contra da fortaleza das institucións democráticas.
Para o nacionalista, é imposible encontrar un dirixente político que embarre tanto o terreo, incapaz de soster un argumento dous días seguidos: hoxe os pactos son o demo e mañá están no ADN do PP, hoxe desmantela os servizos públicos e sociais e ao día seguinte eríxese en defensor dos pobres, alegou Vence.
Este radicalismo do PP plásmase, alegou, na súa vocación por destruír conquistas históricas, por facer negocio coa saúde privatizando a sanidade pública. O PP é radical na demagoxia e no uso da mentira como elemento para distorsionar o debate político, denunciou.