Vence ao electorado indeciso: o voto BNG-Asembleas Abertas é clave para derrotar ao PP e para construír país desde os concellos
Carril agradece o manifesto de apoio a súa candidatura e insta votar BNG a todas as persoas que queiran unha Coruña con xustiza social
É exemplo de honradez e de compromiso cos que máis sofren, lonxe do puñado de privilexiados do Parrote, di Vence
Que rápido se suman os novísimos madrileños á tese do PP de que sobran universidades, pensa pechar a Complutense?, interpelaba
Aínda hai moitos galegos e galegas que teñen dúbidas e a eles me dirixo para dicirlles que o voto BNG-Asembleas Abertas ten un valor dobre: é clave para derrotar ao PP nos concellos de toda Galiza e non só nun puñado de cidades, e representa a única alternativa para construír un proxecto nacionalista no conxunto do país.
Plantamos cara á dereita en todo o territorio, non nun cantón, nin nun selecto número de concellos, subliño Vence no mitin de Coruña. Fronte ao cantonalismo e o culto ao efémero, BNG-Asembleas Abertas ten un proxecto claro, sólido e fiable para toda Galiza desde os concellos, e nos presentamos co aval do traballo feito alí onde gobernamos.
O dirixente nacionalista puxo en valor a traxectoria do candidato Xosé Manuel Carril, traballador incansable, exemplo de honradez e de compromiso, loitador de todas as causa xustas, sempre con quen máis o precisa, ningunha loita social nesta cidade lle foi allea, dixo, porque Carril defende unha Coruña de benestar para todos e todas, fora do puñado de privilexiados do Parrote.
Vellas leccións
Vence cualificou a Feijióo de hooligan dos recortes con especial saña na sanidade e na educación públicas, declarando sen complexo algún que sobran universidades . Unha moda á que vimos que se apuntan os novísimos madrileños como Pablo Iglesias. Supoño que non pensa pechar a Complutense, así que debe ser en provincias onde sobran universidades, que rápido aprenden as vellas leccións, ironizou.
Carril, que fixo un emotivo agradecemento ás persoas asinantes do manifesto de apoio a súa candidatura, deixou claro que o 24 de maio hai que optar pola xustiza social que defende o BNG ou polos privilexios que defende o PP.
Se queremos ser persoas e non cifras bancarias, se queremos pan e non fame, se queremos traballar na terra e non emigrar, se queremos ética e non corrupción, se queremos vida e non recortes,...o 24 de maio hai que votar BNG-Asembleas Abertas, proclamou.
Carril pediu o voto cunha síntese do que defende BNG para a cidade da Coruña: Traballo, teito, benestar, xustiza social, acabar coas fronteiras entre ricos e pobres e todo apostando pola nosa soberanía, concluíu.