Vence afirma que Rajoy e Feijoó deben comparecer e explicarse

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, afirmou hoxe en Tomiño que “por moitos que algúns se empeñen en negalo, a realidade é que as quitas practicas aos afectados galegos polas preferentes supuxeron a entrega “gratis” á banca de máis de 600 millóns de euros”.

“O saqueo aos preferentistas chega a quitas dun 64%, un roubo auténtico perpetrado ao aforro galego para destinalo finalmente á banca española”, en clara alusión ao proceso de venda de NCG que se prevé para o vindeiro outubro. E tivo unhas palabras especiais para o movemento cívico das Plataformas de afectados polas preferentes e subordinadas, “parabenizo a súa loita, a súa perseverancia, a súa batalla contra unha inxustiza e un despropósito inconcebíbel. Aquí no Baixo Miño onde hai que salientar o traballo das plataformas, que sen ese labor o saqueo tería sido absoluto”.

Vence puxo de manifesto que “son un exemplo para toda a sociedade, un modelo que debemos para denunciar os abusos dos que nos gobernan en connivencia cos poderes fácticos e bancarios”. Para o portavoz nacional do BNG “o engano das preferentes non remata aquí. A loita debe continuar de xeito que os afectados poidan recuperar o 100% dos seus aforros”.

Aludiu á demanda presentada pola vía civil por parte da Fiscalía que de sair adiante asentaría un precedente importante, sería o triunfo da demanda colectiva civil, “un paso significativo para procesos deste tipo que afectan a miles de personas e que sentenzas dese calado evitarían que cada afectado tivese que litigar individualmente”.

Feijoó e Rajoy na picota: deben comparecer

No día no que nos almorzamos con máis noticias que alimentan o xa de por si “escandaloso tema do financiamento ilegal do PP”, Vence apuntou á responsabilidade de dous Presidentes de Goberno, Feijoó e Rajoy, “agochados para non dar explicacións cando a sociedade está totalmente alarmada polas escandalosas novas. Un e o outro deben comparecer nas respeitivas Cámaras e someterse ao seu control, respostar aos interrogantes e aclarar toda a información que estamos a coñecer”.

Para o portavoz nacional do BNG “cada día que pasa está máis claro que estamos ante un monstruo de enormes dimensións. Unha trama de financiamento ilegal dun partido político que ten a responsabilidade de gobernar Galiza e o estado español, enredado en asuntos moi turbios e cos seus pesos pesados postos en cuestión”. Vence reclamou a un e ao outro que comparezan e dean a cara.

Vence ironizou “co optimismo antropolóxico de Guindos, exhibido hoxe nunha entrevista, e que ninguén se cre. O feito é que aquí vemos que Galiza non levanta cabeza, e hai que ser moi atrevido para dicer que estamos a sair da crise cando pende sobre nós a espada de Damocles da resolución do Tax Lease que pode expulsar a 87.000 traballadores do estado do ámbito laboral e que pasen a engrosar as cifras do paro”. O portavoz nacional do BNG criticou as manifestacións de Guindos porque “trata de que nos creamos o que non existe, e a realidade é que o paro é inasumíbel, os salarios caeron unha barbaridade, a mocidade emigra, o nivel de probeza aumentou exaxeradamente con nenos con problemas de alimentación, e o consumo non se pode incentivar porque a xente non ten medios”. E censurou a Guindos por confundir a “recuperación da banca coa situación da poboación cada vez máis empobrecida. Só pensan no capital da banca, obviando as situación da xente”.

O negocio de Feijoó co hospital de Vigo

Xavier Vence tamén acusou a Feijoo de “traficar co hospital de Vigo, de negociar coa sanidade para beneficio dos seus amigos empresarios. O presidente da Xunta debe aclarar o contrato desas empresas co hospital de Vigo, ten que ofrecer unha información transparente e parar canto antes o comercio coa sanidade pública”.

Tildou a Feijoó “de irresponsábel por negociar cun hospital tan necesario e reclamado, que agora está paralizado”.