Vence afirma que "Alemaña e Holanda miran polos seus estaleiros e nós non temos quen nos defenda"

Xavier Vence en Vigo antes de intervir

O portavoz nacional do BNG contrapuxo “a defensa que fan dos seus intereses alemáns e holandeses fronte aos nosos gobernos inoperantes”

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou esta tarde en Vigo, no Auditorio Municipal do Areal, nun acto celebrado no marco da campaña “Non é unha crise, é un roubo” que o BNG está a levar por todo o país. Neste acto estivo acompañado da deputada do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán, o responsábel comarcal do BNG de Vigo, Manolo Caride, e tamén interviñeron unha persoa traballadora do naval, unha moza desempregada de telemarketing e tamén unha persoa afectada pola estafa das preferentes.

Xavier Vence centrou a súa intervención no meirande problema que afecta arestora a Vigo, como cidade naval, como é a penalización imposta por Europa por mor do Tax Lease, e afirmou con rotundidade que “o naval vive unha situación crítica debido ás inxerencias da política europea e tamén á inoperancia dos gobernos da Xunta e do Estado. Hai uns países que aproveitan a súa posición na UE para defender con resultados os seus intereses mentres que para Galiza nin Feijóo nin Rajoy ofrecen solucións nin futuro”.

Vence explicou que “o problema de fondo non é devolver os custes da penalización, o problema é que este vén debido á estratexia dalgúns países para quedar co mercado da construción naval e a políticas de competencia da Unión Europea que están por riba das políticas de desenvolvemento industrial e produtivas, e non son de ningunha maneira neutrais: detrás están as estratexias nacionais de Alemaña e Holanda para acaparar o mercado en Europa coa escusa da competencia. A teor disto, debemos esixir que Galiza e o Estado Español definan a súa posición política dentro da UE xa que outros países están utilizando o seu peso para quedar co sector naval”.

O portavoz nacional do BNG afirmou que “desde o BNG defendemos a non devolución do Tax Lease, por abusivo e inxusto, e a posta en marcha de medidas a nivel autonómico e nacional que permitan financiar a actividade do estaleiros, a través de programas de estímulo fiscal e medidas que garantan e avalen as necesidades financeiras dos estaleiros”.

“O Tax Lease viña funcionando coma un instrumento fiscal que permitía o financiamento, pero agora isto foi eliminado, polo que cómpre que a Xunta e o Estado estabelezan vías alternativas de financiamento” – apuntou Vence. “Se a isto lle sumamos a incapacidade de PIMAR de ofrecer as garantías e avais que precisan os estaleiros, froito da descapitalización á que está suxeita pola redución de achegas do goberno central e dos propios estaleiros, así como á eliminación efectiva do noso sistema financeiro, que no caso de Vigo tiña un peso moi importante no financiamento da actividade, temos a perfecta combinación para acabar co futuro do naval. Por iso o BNG sempre defendeu a necesidade de ter un goberno forte en Galiza que puidese ter marxe de manobra para actuar nestes casos aportando financiamento” explicou Xavier Vence.

Concluíndo, Vence afirmou que “a solución pasa por esixirmos dos nosos gobernos unha actuación seria, porque Feijóo o único que nos está a aportar é o mesmo que din en Bruxelas, sen propoñer nin a primeira medida concreta para o problema de devolución do Tax Lease e os problemas de fondo de financiamento dos estaleiros. O problema non é só Almunia, senón os criterios de política europea, que priman a defensa da competencia por riba de políticas industriais activas e xeradoras de emprego e a capacidade de influencia e decisión de Galiza para pelexar para que os seus estaleiros produzan en condicións de igualdade”.

Porque a solución ao problema dos estaleiros galegos pasa por decisións políticas, o BNG vai secundar a manifestación convocada por todas as unidades sindicais para o vindeiro xoves en Vigo.