Vence acusa á Xunta de ser cómplice da extorsión da industria aos produtores de leite
Pide desde Lalín a intervención inmediata do goberno para garantir prezos xustos que eviten a desaparición dun sector básico para o país
Lamenta o cinismo dos alcaldes do PP no rural que posan en fotos ao lado dos produtores mentres permiten o abandono do seu partido
O sector está nunha situación alarmante e ao borde da catástrofe polos prezos que impón a industria coa autorización e coa complicidade da Xunta e do Goberno central. É unha situación que condena ao sector a súa desaparición cun proceso de reconversión das 9.000 explotacións ante o poder absoluto das industrias, denunciaba Vence en Lalín nun acto con gandeiros e gandeiras.
Para o dirixente nacionalista, son necesarias medidas inmediatas por parte da Xunta para impedir o atropelo das industrias aos produtores, impedindo os contratos abusivos, controlando e impedindo as situacións de abuso e, neste sentido, o BNG reclama abrir xa un novo proceso de negociación creando unha interprofesional leiteira que permita un marco estable e igual entre todas as partes.
Igualmente, o Bloque demanda do Goberno galego unha regulación moi clara da cadea de distribución para impedir esa extorsión a través de prezos que arruínan ao sector.
Na xornada sobre a situación dos sector interviron tamén a portavoz parlamentaria de Medio Rural, Tereixa Paz, responsables de Fruga, expertos no sector con Antonio Oca, e o candidato de BNG-Asembleas Abertas en Lalín, Xosé Manuel López, quen subliñou que neste concello e en toda a comarca do Deza o sector agrogandeiro é clave para o desenvolvemento económico e a creación de emprego.
Vence instou a Feijóo a deixar de mirar de esguello para involucrarse na defensa dun sector. Non podemos entender esta actitude pasiva da Xunta e do PP deixando que a industria estrangule ao sector produtor e só é comprensible dun partido traidor aos intereses dun sector que é básico para o futuro de Galiza.
Voz de alarma desde a cidadanía
Vendo estes días certas fotos dos alcaldes do PP tratando de escenificar de cara a galería un compromiso do sector leiteiro nunha actitude absolutamente cínica e falsa, porque están dándolle amparo á política de esnaquizo do seu partido en complicidade coa industria esganando aos produtores que, ao fin e ao cabo, son os seus veciños e veciñas nos municipios do rural, argumentou.
Xavier Vence asegurou sentirse escandalizado por esa actitude farisea duns alcaldes que non fan nada para que o seu partido actúe a favor dos intereses dos produtores e produtoras.
Ante a situación de emerxencia do sector, o Bloque fai un chamamento a toda a cidadanía porque é un problema de país, un chamamento a todos os actores implicados na cadea de produción leiteira para erguer unha voz de alarma urxente para que este sector clave non desapareza, concluíu.