Veciños e veciñas de Ribeira concéntranse ás portas do Parlamento para reclamar un médico a tempo completo e todos os días en Corrubedo
Unha numerosa representación de veciños e veciñas de Ribeira concentráronse nas inmediacións do Parlamento galego para reclamar a dotación dun médico/médica no centro de saúde de Corrubedo, a tempo completo e todos os días.
Os veciños e veciñas lembran que ás persoas que precisan atención médica deben desprazarse a Ribeira cun servizo sanitario xa mermado pola falta de recursos e medios humanos.
O alcalde, Luís Pérez Barral, reclama unha reunión urxente con Sanidade
No transcurso da concentración, o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, lamentou que a Consellería de Sanidade “continúe castigando aos veciños e veciñas de Corrubedo” tras oito meses sen médico, a tempo completo “e todos os días”. Neste sentido, reclamou unha reunión urxente da nova corporación municipal de Ribeira cos responsables de sanidade co fin de acadar unha solución.
Pérez Barral recalcou que Corrubedo é unha parroquia rural de 600 persoas situada a unha distancia considerable do centro de Ribeira e non podemos, dixo, obrigalas, sobre todo ás maiores, a desprazarse para seren atendidas no Centro de saúde de Ribeira “xa mermado pola falta de persoal”. O centro de Saúde de Ribeira, denunciou o alcalde , conta coa metade de traballadoras e traballadores e en período estival a poboación increméntase e aumenta a demanda de atención sanitaria.
Luís Pérez Barral reclama unha reunión urxente entre a nova corporación municipal e a Consellería de Sanidade para incrementar os medios materiais e persoal e garantir unha atención médica de calidade a toda a poboación de Ribeira e avanzou que “o concello xa mostrou toda a súa disposición para colaborar con Sanidade en todo aquilo que solicite co fin de resolver este grave problema”.
O alcalde de Ribeira reiterou que o “déficit de medios e persoal” está causando graves dificultades á poboación de Ribeira e pide aos responsables de sanidade que escoiten “o clamor da veciñanza” para mellorar un servizo básico e garantir o dereito a seren atendidos pola sanidade pública galega e con calidade.
Pola súa parte, a deputada e portavoz de sanidade hospitalaria do BNG, Iria Carreira que acompañou ao alcalde nacionalista e a veciñanza na concentración, lembrou que o BNG formulou varias preguntas ao goberno en comisión parlamentaria e en pleno para dotar de facultativo o centro de saúde de Corrubedo, todos os días e a tempo completo sen que o conselleiro de sanidade se pronunciara favorablemente sobre esta dotación. Carreira anunciou que o BNG seguirá rexistrando iniciativas nesta liña para que o concello de Ribeira conte cunha atención sanitaria de calidade.