As veciñas e veciños de Outres continuarán sen pediatra e sen persoal de enfermaría no centro de saúde
O PP bota balóns fóra, respondendo á deputada do BNG, Rosana Pérez, que "non hai especialistas"
Rosana Pérez lembrou que os orzamentos en sanidade “non medran” e as zonas rurais son as máis prexudicadas pola falta de persoal sanitario
A través dunha proposición non de lei, a deputada do BNG, Rosana Pérez reclamou dotar de pediatras o Centro de Saúde de Outes e de persoal de enfermería o centro de Noia.
Tras a resposta da portavoz popular, Marta Rodríguez Bispo que afirmou que a falta de especialistas non fai posible dotar aos centros de Outes, Noia e Lousame de pediatras e persoal de enfermería, a nacionalista replicou que unha vez máis, o goberno bota balóns fora e utiliza de escusa a falta deste persoal. Asemade, e lembrou que os orzamentos para o 2022 “non medran en sanidade” polo que, un ano máis, “as zonas rurais serán as grandes prexudicadas” neste ámbito.
Na súa intervención, Rosana Pérez aludiu ás declaracións do Xerente do SERGAS, José Manuel Flores en relación á cobertura das vacacións de verán dos profesionais de pediatría afirmando que as únicas opcións eran concentrar ao pediatra nun dos centros de saúde aos que as familias deberían acudir ou ben, que as consultas pediátricas se realizaran polos mesmos profesionais, primeiro nun centro e logo noutro. O Xerente do SERGAS afirmou que “en pediatría nunca hemos hecho ningún tipo de refuerzo para cubrir vacacions o por aumento de población”.
A xuízo da deputada, o que realmente viña a recalcar, o titular do SERGAS é unha situación que se repite, non só no verán senón ao longo do ano, e “durante os 12 anos do goberno do Partido popular”.
Rosana Pérez lembrou que o propio IGE recolle ese descenso progresivo dos recursos de pediatría de Atención Primaria dende 2012, ano no que eran 334 nos centros de saúde. No ano 2020, eran 308, “un 8% menos” e moitas das prazas de pediatría son cada vez ocupadas en maior número por médicos de familia.
Por outra banda, todo os centros de saúde anunciados pola “ maquinaria de propaganda da Xunta” serán centros de saúde baleiros, “centros de saúde sen profesionais e sen pediatras”, tal e como está a pasar no centro de saúde de Outes onde o único profesional de pediatría atópase desfrutando as vacacións e a primeira opción que o xerente do SERGAS daba para o verán era concentrar ao pediatra nun dos centros de saúde para atender a 450 nenos desprazados ao centro de saúde de Noia.
Para a deputada, a situación tórnase máis grave cando o profesional de pediatría permanece de baixa dende antes do verán e unha médica de familia atende a consulta durante unhas horas en xornada de tarde. “Estamos a falar de 1.200 nenos e nenas que tampouco teñen pediatra”, recalcou Rosana Pérez.
Por outra parte, o persoal de enfermería nas horas de tarde da médica de familia que actúa como pediatra en Noia impide que se poidan realizar, por exemplo, os PNS, programas neno san, control e vacinación, incluso nos bebés máis pequenos e a médica de familia tampouco pode atender os cupos, limitándose aos casos máis urxentes e facendo, a maiores función de enfermería.
As circunstancias da atención pediátrica en Noia fan que, finalmente, os nenos e nenas teñan que ser derivados ao centro de saúde de Lousame, que xa conta con 750 nenos e nenas propios. “Un centro que conta con pediatra en xornada completa que debe prestar atención aos pacientes de tres concellos e que supón para calquera profesional unha presión asistencial extrema”. Evidentemente, “a Xerencia da área Santiago-Barbanza é perfectamente coñecedora do que está a pasar pero segue a vulnerar gravemente o dereito fundamental á saúde e a calidade asistencial”.
A proposición non de lei defendida pola deputada do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.