comunicado da executiva do bng
Valoración das eleccións catalás do 14 de febreiro
15 de febreiro de 2021 (00:24 h.)
Diante do resultado das eleccións celebradas en Catalunya no día hoxe, desde a Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego queremos:
- Pór de manifesto, máis unha vez, a anomalía democrática que supón que líderes políticos teñan que facer campaña electoral desde o exilio ou indo a durmir a unha prisión ao estar privados de liberdade por defender as súas ideas políticas e tentar levar á practica desde o Govern, un mandato popular saído democraticamente das urnas.
- Parabenizar ao pobo de Catalunya pola organización, con todas as medidas de seguranza, dunhas eleccións no medio desta terceira onda da pandemia da covid-19, nunha data obrigada pola xustiza española e en contra do criterio das e dos técnicos sanitarios e do Govern de Catalunya e que tivo unhas claras consecuencias na baixa participación.
- Parabenizar a Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), a la Candidatura d´Unitat Popular (CUP) e Junts per Catalunya (JxC) polos seus respectivos resultados electorais e por conseguir que o bloque soberanista volva gañar as eleccións en Catalunya e aumentar a súa representatividade ao pasar de 70 deputadas e deputados a 74 e superar o 50% dos votos.
- O resultado saído das urnas esta noite en Catalunya é crucial para o futuro dese país, mais tamén é moi importante para o futuro do resto de nacións sen estado, como Galiza.
- O pobo catalán demostrou máis unha vez, que a súa determinación cara a consecución do dereito de autodeterminación é firme e permanente. O estado español non pode seguir mirando cara outro lado e ignorar e menosprezar o que pobo de Catalunya ten reiterado en tantas ocasións nas urnas: poder decidir libre e democraticamente o seu futuro.