A urxencia de Galiza é crear emprego e para iso hai que mudar a política de recortes do PP
A urxencia de este país é crear emprego e para iso necesitamos un cambio das políticas de recortes para deixar de destruír empresas e postos de traballo, declarou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, na manifestación a favor do emprego convocada pola CIG. Os orzamentos de 2014 presentados polo Goberno de Feijóo non solucionan o primeiro problema de Galiza.
Son uns orzamentos contractivos que xerarán máis desemprego, que prolongarán a recesión, a redución da actividade económica e, polo tanto, aumentarán o paro. A Xunta segue empeñada en saír da crise con recortes, cando levamos comprobando ano tras ano que con recortes o único que se consigue é afondar na crise e no sufrimento, empobrecer á sociedade e reducir o emprego dispoñible, argumentou Vence.
É imprescindible mudar radicalmente as políticas de recortes, insistiu, para darlle un futuro a este País, en particular para a xente moza que está descorazonada e desesperada ante un panorama que só presenta sombras e a saída da emigración. Por iso o BNG vaise opor aos presupostos porque só traerán máis paro, alegou.
Neste sentido, o portavoz nacional critica o feito de que o Goberno de Feijóo leva desde 2010 presentando os orzamentos da recuperación. Estamos en 2014 e seguen dicindo o mesmo, que son os orzamentos da recuperación e o único que acadou foi reducir a actividade económica, reducir os servizos públicos, reducir o emprego, aumentar o paro e a emigración, e facer aos galegos e galegas máis pobres. Os presupostos para o vindeiro ano repiten a receta, polo tanto Galiza terá o mesmo resultado, indicou.