Urxe acadar a transferencia da AP-9 e unha tarifa eléctrica galega tras as novas subidas das peaxes e da luz
A subida récord da factura da luz e as novas subidas nas peaxes da AP9 son, para o BNG, outra volta de torca que evidencia a urxencia de conseguir para Galiza a transferencia da autoestrada e de acadar unha tarifa eléctrica galega como defende a formación nacionalista.
“Temos un Goberno central continuista que incrementa a estafa das peaxes cando o mínimo sería non permitir novas subidas, e tamén vemos as consecuencias dun modelo enerxético no que priman os intereses das empresas eléctricas”, denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, para quen no caso da factura eléctrica o agravio a Galiza é maior “porque somos un país produtor neto de enerxía pero pagamos a luz como se fose un artigo de luxo”.
A dirixente do Bloque volve poñer sobre a mesa a demanda dunha tarifa eléctrica galega que permita as familias e as empresas do país beneficiarse desa condición de produtores de electricidade, “pero temos un Goberno da Xunta incapaz de defender esta proposta por sectarismo político e porque prefire defender os intereses das empresas eléctricas antes que os intereses dos galegos e das galegas”.
No caso das peaxes, a subida non ten xustificación algunha e é un novo abuso, máxime cando aínda seguen as obras na Ponte de Rande, alegou. O Bloque pide ao Executivo de Sánchez que, cando menos e de xeito inmediato, “paralice un convenio abusivo” que foi aprobado para compensar a AUDASA pola caída de viaxeir@s pero que se mantén pese a recuperación de usuari@s.
Pontón foi moi crítica coa posición de PP e PSOE empeñados en alternarse na discriminación a Galiza. “É unha tomadura de pelo porque o único que vemos e que cando están no goberno teñen o mesmo trato de discriminación con Galiza, e iso é o que temos que cambiar como galegos e galegas”, concluíu.