Unidos contra a decisión de Pilar Rojo de "secuestrar o Parlamento"

Os tres grupos da oposición anunciaron esta mañá “unha resposta forte e contundente” á decisión da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, de prohibir a asistencia de convidados ao pleno de debate de Orzamentos de mañá. “Os tres grupos actuaremos en consecuencia, defenderemos os cidadáns que sofren a dureza das políticas da dereita e buscaremos unha fórmula para que isto se visualice no debate de mañá”.

o portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, explicou que por moi respectuoso que se sexa coas maiorías decididas pola sociedade iso non significa que o Parlamento sexa propiedade do PP. “É propiedade do pobo galego e o PP, con esta medida, quere secuestrar a Cámara”, afirmou.

“Estamos ante unha nova mostra do sometemento do Parlamento aos dictados do Executivo, pois é evidente que Pilar Rojo actuou seguindo instruccións do Partido Popular e, en particular, do señor Feijóo, por iso ten que asumir a súa responsabilidade institucional e rectificar”.

Jorquera concluiu advertindo que con esta medida “autoritaria” o PP o único que consegue é afondar máis na brecha que hai aberta entre institucións e cidadáns.

PSdeG e AGE

Segundo expresou Losada, os grupos da oposición entenden que “esta especie de estado de sitio parlamentario” introducido por Pilar Rojo o único que pretende é que non se visualicen na Cámara as “consecuencias dramáticas das políticas do Partido Popular na rúa”. Algo que vai en contra da participación dos cidadáns na vida política e do dereito a defender lexitimamente os seus intereses. A oposición esixe unha rectificación da presidenta do Parlamento, para o que ten tempo ata a Mesa que se celebrará mañá, antes do pleno de Orzamentos. “Rexeitamos calquera intento de antepor os intereses de partido, do Partido Popular en concreto, aos dos cidadáns”, concluíu Losada.

Para o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, a decisión da presidenta do Parlamento de vetar a entrada de convidados polos partidos da oposición significa unha “extralimitación” e “un afloramento do seu subconsciente: para eles ou os cidadáns son do PP ou senón son inimigos”. “A señora Rojo está a converter o Parlamento nun castelo kafkián porque non sabe o que é a democracia”, engadiu, “e adopta esta medida de despotismo sen ilustración como se fose a directora dun reformatorio e non dunha Cámara de representantes da soberanía popular”.