A unidade constrúese desde o respecto á pluralidade e sen exclusións

Comunicado do Bloque Nacionalista Galego

En relación á convocatoria dun foro de partidos para tratar sobre a constitución dunha candidatura galega e ás manifestacións públicas que se teñen realizado ao respecto sobre a posición do BNG, queremos trasladar as seguintes consideracións:

  1. O BNG aposta pola constitución dunha candidatura galega de unidade para as próximas eleccións xerais que garanta a representación soberana de Galiza nas Cortes do Estado, materializada na constitución dun grupo propio

  2. O BNG entende que a confección desta candidatura debe realizarse mediante un proceso que integre en pé de igualdade persoas e organizacións políticas que compartan este obxectivo básico, sen máis condicións que a de articularse arredor dun procedemento participativo para a elaboración do programa e a elección de candidatos e candidatas mediante eleccións primarias.

  3. Con esas premisas o BNG vén participando xunto a outras sete forzas políticas e centos de persoas individuais na Iniciativa pola Unión, plataforma de adscrición individual, cunha coordinadora elixida democraticamente e comisións de traballo abertas a quen quixer participar. Atendendo ao calendario apretado que temos por diante, no seo da IxU xa se teñen dado pasos concretos para conformar un censo e elaborar un regulamento para o proceso participativo de primarias para a elección de candidatos e candidatas, así como para conformar o programa e definir o código ético e a comisión de garantías. É un proceso de base cidadán e participativo que estivo e está aberto a incorporación de persoas, organizacións e colectivos sociais.

  4. O BNG está aberto a dialogar tanto dentro de IxU como con calquera outra organización ou plataforma, sempre sobre a base de sumar máis forzas pero nunca excluíndo a ningunha das que xa están participando activamente no proceso unitario.

  5. Atendendo a estas consideracións, o BNG declinou participar do foro de partidos convocado para o venres 16 de outubro polo Encontro pola marea galega, pois na súa convocatoria foron explicitamente excluídas, de xeito unilateral, forzas que están participando activamente en IxU. Entendemos que a candidatura galega de unidade debe construírse con todas as organizacións e persoas que comparten os obxectivos básicos, sen exclusións nin vetos previos.

  6. O BNG manifesta a súa disposición a asistir a todos os foros que as iniciativas pola candidatura galega consideren preciso convocar no futuro inmediato, sen máis premisas que a participación en pé de igualdade de todas as persoas e organizacións que persigan o obxectivo de conformar a candidatura que está a demandar unha ampla representación da sociedade galega.



Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2015.