"A única forma de evitar o roubo do aforro galego é crear un Banco Público Galego"

Presentación en Ferrol da proposta de Banca Pública Galega

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, advírtelle a Núñez Feijoo que “a única forma de evitar o expolio do aforro galego é crear un Banco Público Galego e con vocación de permanencia a partir de Novagalicia Banco”, e rexeitou a proposta de banco público estatal anunciada polo goberno de Rajoy “pois suporía a absorción de Novagalicia Banco e que a súa sede pasase a estar en Madrid”.

Jorquera interveu esta mañá en Ferrol nun acto para presentar a proposta do BNG de crear unha Banca Pública Galega. Canda el estiveron Ramón Yáñez, profesor de Economía na Escola Politécnica Superior de Ferrol , e o portavoz municipal do BNG, Iván Rivas, que presentaron a proposta a representantes de entidades sociais e económicas da Comarca.

“Estamos en contra da proposta presentada polo goberno Central: está ao servizo do sector privado e é centralista”

Previamente, en declaracións aos medios, candidato nacionalista á presidencia da Xunta adiantou que “o BNG está totalmente en contra do deseño anunciado polo Goberno de Rajoy” de crear un gran banco público estatal, nucleado arredor de Bankia e con sede Madrid, que posteriormente sería privatizado tras sanear as súas perdas con fondos públicos.

Pola contra, subliñou que “nós apostamos por transformar Novagalicia Banco nun Banco Público de titularidade galega e con vocación de permanencia no tempo”. E nese sentido, emprazou a Feijoo “a que se defina”. Jorquera lembrou que “Feijoo cando o BNG propuxo crear unha Banca Pública Galega dixo que non era unha proposta moderna nin occidental, cando todos os países avanzados do mundo teñen banca pública, e agora, tralo anuncio de de Guindos, Feijoo empeza a rectificar”.

Porén, puxo de manifesto que “ao BNG non lle vale calquera proposta: ten que ser un banco público con vocación de permanencia e para Galiza é imprescindíbel que sexa un banco público galego, non un banco onde o centro de decisións estea asentado en Madrid”.

O candidato do BNG di que o crak de Bankia “é consecuencia do modelo de economía do ladrillo impulsada polo PP” e lembra que “hai responsábeis: Rodrigo Rato, Esperanza Aguirre, o goberno de Aznar...”

Por iso, Francisco Jorquera demandou que “Feijoo ten que decidirse e dicir se está a favor da única vía viábel para asegurar que o aforro dos galegos quede en Galiza e se invista no noso país que é a transformación de Novagalicia Banco nun banco público galego”.

“O crak de Bankia é consecuencia da economía do ladrillo impulsada polo PP”

Por outra banda, o candidato nacionalista advertiu de que os 23.500 millóns de euros de fondos públicos que Bankia precisa para ser saneada equivalen ao 2,3% do PIB do Estado español .

A este respeito, Jorquera afirmou que “estamos ante a evidencia do fracaso dun modelo económico impulsado polo PP, porque o desastre de Bankia ten responsábeis:chámanse Esperanza Aguirre, Rodrigo Rato, chámase un goberno Aznar que declarou todo o solo urbanizábel e permitiu un modelo de crecemento que alimentou a burbulla inmobiliaria que está detrás do crak de Bankia”.

“Hai diñeiro para Bankia pero non para o dique flotante de Ferrol”

Ademais, criticou que “mentres que o goberno do PP vai destinar 23.500 millóns de euros para o saneamento de Bankia, recortan recursos para políticas sociais básicas e servizos básicos como ensino e educación ou non hai recursos para o impulso da economía produtiva”.

E puxo como exemplo que “non se destinan 140 millóns de euros para a construción do dique flotante na ría de Ferrol ou non haxa recursos para a modernización da liña férrea A Coruña-Ferrol”.

http://youtu.be/-0rcOuKWzUc