Unanimidade á proposta do BNG para reclamar a transferencia da AP-9
A deputada do BNG, Ana Pontón denunciou que AP-9 é unha mostra da privatización de Aznar das infraestruturas e unha hipoteca moi cara que pagamos todos os galegos e galegas e congratulouse do voto favorable do PP á Proposición de lei nacionalista que reclamaba a súatranfesrencia á Xunta de Galiza
A Proposición de lei defendida pola deputada do BNG, Ana Pontón para reclamar ante o Congreso a transferencia da titularidade pública e competencia da AP-9 á Xunta de Galiza acadou a "unanimidade da Cámara galega".
No debate, a parlamentaria argumentou que a transferencia da AP-9 ten transcendencia política para Galiza e hoxe, dixo, podemos dar pasos para que a transferencia sexa unha realidade, despois de tantos anos de debater esta cuestión, podemos pasar aos feitos e converter en realidade o que defendemos con ideas polo que se congratulou do anuncio do Partido popular de apoiar a iniciativa do BNG.
Dende o Bloque Nacionalista galego, explicou, consideramos ilóxico que Galiza, con competencias en materia de infraestruturas, manteña a AP-9 como unha infraestrutura estatal, e para nós é un símbolo do agravio de como gobernan o noso país dende Madrid.
A parlamentaria criticou que Feijóo, tan preocupado co que sucede en Cataluña non se preocupe da aldraxe que supón para Galiza manter AP-9. Resulta unha mostra, afirmou, de como os gobernos centrais aplican un rol colonial no que os galegos e as galegas somos pagadores dos beneficios de grandes grupos empresarias e AP-9 é a evidencia da privatización das infraestruturas levadas a cabo por Aznar en contra dos intereses xerais. Hoxe temos unha hipoteca para o noso desenvolvemento que nos sae moi cara e hoxe tamén temos a oportunidade de que a AP-9 dependa dos galegos e galegas e non das decisións arbitrarias do Goberno de Madrid.
A AP-9, explicou, é unha infraestrutura con 219 Qm, clave nunha franxa importante do noso país. Comunica cinco das sete cidades galegas e unha infraestrutura que ten moito que ver coa mobilidade e o impacto nas actividades económicas.
A deputada congratulouse, que nesta ocasión a Cámara galega dera luz verde, por unanimidade, á reclamación do BNG ante o Congreso para transferir AP-9 á Xunta de Galiza