A TVG pode e debe emitir o documental “Frankenstein 04155” sobre o accidente de Angrois
Non é de recibo que este documental sobre as circunstancias do maior accidente ferroviario da historia de Galiza se emitise en TV3, converténdose en líder de audiencia cun 20,2%, e non na TVG
A parlamentaria do BNG, Noa Presas preguntou ao director xeral da CRTVG, porqué a TVG non emitiu o documental Frankenstein 04155 sobre o accidente de Angrois. Un traballo, explicou do autor galego, Aitor Rei, impulsado pola plataforma das vítimas do maior accidente ferroviario na historia de Galicia e estreado recentemente en TV3, converténdose en líder de audiencia cun 20,2%.
Pola súa parte, Sánchez Izquierdo eludiu comprometerse sobre a futura emisión do documental baixo a escusa de non ter recibido ningunha proposta. A resposta do responsable da CRTVG non convenceu á deputada nacionalista que recalcou, “como é posíbel que un documental feito en Galiza que narra o peor accidente ferroviario da historia do noso país, que conta a historia de 80 persoas mortas e 144 feridas, non se poida ver na Televisión Pública galega?”
O documental explicou Presas, recibiu o Premio do Público en Cineuropa, mención especial do xurado na Semana Internacional de Cine de Valladolid e premio á mellor longametraxe no Festival Primavera de Cine. Un documental que afonda nas causas e responsábeis do accidente e resultado dun proceso de crowfunding da Plataforma de vítimas do Alvia.
Ademais, “debulla os sistemas de seguridade ERTMS e ASFA, calcula o sobrepeso dos furgóns xeradores do tren, trata as balizas e eixos e tamén como funcionou a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios que, como se comprobou posteriormente grazas ás institucións europeas, non era independente”.
Precisamente foi o Parlamento europeo quen primeiro proxectou –fóra das salas de cinema- este documental, o 17 de novembro de 2015 nunha proxección impulsada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, proxección á que asistiron 80 persoas da propia Axencia Ferroviaria Europea (ERA).
A súa resposta, dixo a deputada a Sánchez Izquierdo, non se corresponde cos principios xerais da lei que creou a RTVG. Non respecta a “obxectividade, a imparcialidade, a veracidade e a neutralidade informativa, así como o respecto á liberdade de expresión e á formación dunha opinión pública plural”. É “unha vergonza” que se escuse e non ter recibido unha proposta para a emisión do documental polo que avanzou que si está e a única razón, o BNG rexistrará unha iniciativa propoñendo a súa emisión.
Para a deputada, se está a producir “unha ocultación” premeditada sobre as causas que provocaron o accidente ao que sumou as últimas novidades coñecidas grazas ás iniciativas da eurodeputada do BNG, Ana Miranda.
RELEGAN DE FUNCIÓNS A UNHA XORNALISTA TRAS REIVINDICAR OS SEUS DEREITOS SALARIAIS E PARTICIPAR NOS VENRES NEGROS
Por outra parte, na comisión de Control da Corporación da RTVG, Noa Presas tamén preguntou sobre a decisión de relegar a funcións de locutora a unha xornalista da TVG das súas funcións de redacción apenas uns días despois de ter conseguido o recoñecemento dos seus dereitos laborais na xustiza, funcións de redacción que levaba anos desenvolvendo sen recoñecemento salarial. “Un exemplo máis dunha muller cobrando por debaixo da contía que debería retribuírselle polo seu traballo”, sentenciou a deputada.
A decisión adoptada pola dirección da CRTVG, en relación a esta traballadora non só se produciu despois da sentenza xudicial que recoñece os seus dereitos laborais, senón despois doutra sentenza que recoñecía o seu dereito a folga o 8 de marzo e pola que se condenou á Corporación por prácticas de “esquirolaxe” durante a xornada de protesta da folga feminista o 8 de marzo.
A deputada afirmou que a CRTVG, como a Xunta de Galiza, son “os peores exemplos” de boicot encuberto á folga feminista,” e engadiu que a xornalista forma parte activa dos Venres Negros nos que as traballadoras e traballadores que máis activamente participan nas protesta foron obxecto de “ignominiosos e esperpénticos expedientes”, como os iniciados contra Tati Moyano e Carlos Jiménez.
Noa Presas lamentou que, unha vez máis, o Director xeral da CRTVG eludira responder ás preguntas formuladas polo BNG.