A TVG censura a intervención de Jorquera no vídeo sobre o debate do decreto-roubo das preferentes
A directora de campaña do Bloque Nacionalista Galego, Montse Prado, acusa ao PP de exercer o seu control sobre os servizos informativos da TVG para censurar a intervención de Francisco Jorquera este xoves no Congreso no debate da nova reforma do sistema financeiro, un decreto que se traducirá na quita de até o 70 por cento dos depósitos dos afectados pola fraude das preferentes.
"A manipulación informativa chega ao límite de que no Telexornal do Mediodía se dá antes voz ao portavoz de CiU do que ao portavoz do Bloque Nacionalista Galego, o que representa un claro atentado da Televisión de Galiza contra o pluralismo existente no noso País", afirma Montse Prado.
Si hai deputad@s galeg@s dign@s
O PP non quería que Jorquera aparecese no debate para que no ficase de manifesto que "si hai deputados galegos, os do BNG, que defenden con dignidade os intereses dos cidadáns do noso País, en contraste cos deputados galegos do PP, que votaron a favor dun decreto que expropria aos perto de 100.000 galegas e galegos afectados pola fraude das preferentes".
A manipulación na TVG chega aos limites de dar voz antes ao portavoz de CiU do que ao portavoz do BNG
En plena precampaña eleitoral, o PP intensifica a utilización partidista dos servizos informativos da Televisión de Galiza, denuncia Montse Prado. "Na información de onte, a TVG omitiu dicer que a consecuencia do decreto Rajoy os afectados polas preferentes sufrirán perdas de até o 70 por cento dos seus aforros".
A directora de campaña do BNG, Montse Prado, quer deixar claro que non responsabiliza deste episodio de censura, polo demais nada inhabitual, aos traballadores dos servizos informativos da TVG, senón aos seus cadros directivos que son os que materializan a estratexia de comunicación que lles vén marcada polo PP.