A triple vaga que impacta Galiza: lumes, colapso en atención primaria e recortes no curso escolar
Propostas: máis medios para prevención e extinción, plan de choque de 200 M€ para primaria e mil docentes máis para o inicio do curso escolar
Lourenzo: “Non podemos seguir nin un minuto máis por un camiño que reduce a cinzas o futuro do País en cuestións estratéxicas para a xente”
O BNG alerta contra a tripla vaga que está soportando Galiza ante un goberno do PP incapaz de dar solucións: os incendios, o colapso da atención primaria e os recortes no ensino que impactarán de cheo á volta do verán.
“Tres vagas que están convertendo en cinzas o noso futuro”, denunciou o viceportavoz parlamentario, Manuel Lourenzo, “a dos lumes que xa levou por diante 40.000 desde Valdeorras, ao Caurel ou ao Barbanza; a vaga de recortes que provoca listas de agarda de até 23 días e mesmo axendas pechadas nos centros de saúde e a vaga dos recortes no ensino público, que xa provocan dimisións de equipos directivos dende Ferrol até a Guarda”, sintetizou.
Tres problemas de gran magnitude que mostra a un Goberno do PP incapaz de dar alternativas, un goberno que está facendo historia en negativo e deixa un rural abandonado pasto das lapas, unha sanidade pública cada vez máis precarizada e uns recortes de profesorado denunciados pola comunidade educativa.
“Se algo temos claro dende o BNG, é que este País non pode permitirse nin un minuto máis seguir por un camiño que nos está arrasando e que converte en cinzas a nosa sanidade pública, o noso ensino público e o noso rural”, indicou Lourenzo. Neste contexto, a formación que lidera Ana Pontón reclama un xiro de 180º e ofrece alternativas.
En relación á onda de incendios, un sistema de prevención extinción profesionalizado, que poña fin á precariedade dun persoal que se xoga a vida contra lume porque, denuncia o Bloque, en temporada de máximo risco o operativo non estaba 100% operativo porque os convenios que se asinan cos concellos, -o creación das brigadas municipais, o das motobombas e o de rozas mecánicas-, non se aprobaron até fin de xuño o que implica que non entran en funcionamento até ven entrado agosto.
O BNG pide máis medios para prevención e extinción e, sobre todo, que esta vaga de incendios sexa un punto de inflexión para mudar as políticas fracasadas do PP no medio rural, que só trouxeron abandono, despoboación e teñen convertido Galiza nun polvorín.
“Un monte multifuncional, recuperar a terra agraria abandonada ou ilegalmente forestada, apostar por poñer o País a producir cun sector agrogandeiro forte, como teñen todos os países avanzados e poñer en marcha políticas para un rural vivo e con servizos”, explicou o viceportavoz.
En relación á situación da sanidade pública, o BNG denuncia o colapso de atención primaria, absolutamente desbordada sobre todo nos concellos que multiplican a súa poboación no verán, con listas de agarda de até 23 días e mesmo centros de saúde coas axendas pechadas. “Que máis ten que pasar para que o SERGAS reaccione e poña en marcha un plan de choque de 200 M€ para sacar primaria do abismo?”, interpela Lourenzo, recordando a proposta orzamentaria do Bloque.
Circo de ceses e dimisións
O deputado fixo referencia ao “circo de ceses e dimisións” da pasada semana como unha mostra máis de “caos” do SERGAS, que non se vai solucionar cun cambio de caras senón de políticas, caos que pagan os galegos e galegas en termos de peor atención sanitaria. “Estamos falando do dereito a saúde das persoas”, subliñou.
Ao desastre económico, social e ambiental que supoñen os lumes e á desatención sanitaria hai que engadir os recortes en educación, que van afectar de cheo a familias e alumnado co inicio do curso escolar á volta do verán. As alarmas saltan tras a publicación da lista de adxudicación de destino dos corpos docentes que, segundo estiman no sector educativo, suporá a redución de varios centos de profesores e profesoras.
“Recorte que implicará unha perda da calidade educativa cun sistema ao límite tras os anos de pandemia, os recortes traerán maior carga burocrática, aulas masificadas e, sobre todo, penalizará ao alumnado que máis atención precisa porque en aulas que superan amplamente os 30 estudantes non é posible darlles o tempo que precisan”, explica Lourenzo, tamén docente de profesión.
O Bloque propón incrementar o sistema educativo nun mínimo de mil docentes máis no curto prazo e que o punto de partida sexa o curso 2020-2021 para recuperar o terreo perdido.
Esperamos non ter que escoitar, en pouco tempo, as mesmas escusas para o ensino que as que escoitamos agora para a sanidade dos recortes do PP, ideolóxicos e premeditados.