Tod@s somos Snowden. O pobo galego con Snowden

Edward Snowden converteuse en apátrida e está perseguido por expresarse contra sistemas de vixilancia masiva e omnipresente empregados polos USA, que violan a Declaración Universal de Dereitos Humanos, numerosas leis e tratados internacionais, e representan a posibilidade de cometer impunemente crimes contra a paz e a Humanidade.

Precisamente o Goberno e os servizos de intelixencia dos USA, desde que Snowden puxo ao descuberto, con coñecemento de causa e probas irrefutábeis, os seus métodos de control e a inxustiza e perversidade ás que serven, están empeñados na súa persecución, caza e captura, como escarmento perante o mundo. Co recurso á inversión da realidade, os que serven á inxustiza e ao crime, queren converter en criminal, merecente de persecución e castigo, a quen tivo a valentía moral, pondo en perigo a súa propia vida, de informar ao mundo duns métodos de espionaxe que nos atinxen a todos os pobos do mundo e a todas as persoas, ao servizo dun deseño de dominio e extorsión secretos.

Deste xeito, o goberno dos USA ten prohibido que Snowden poda voar; ameaza con sancións e intimida coa súa forza aos países que se dispoñen a defender os dereitos de Snowden e a aplicar o sistema de asilo da ONU; ordenou aos seus aliados militares –Francia, Italia, España e Portugal- que retivesen o avión do Presidente de Bolivia para detelo, caso de o acompañar como refuxiado político desde Moscú. Está, pois, disposto a todo, para Snowden non verse libre da súa persecución e impedir que se poida asilar mesmo nos países que lle ofreceron apoio e asilo, en principio, Rusia, Venezuela, Bolivia, Nicaragua e Ecuador, malia as intimidacións e ameazas dos USA.

Non podemos tolerar que os Gobernos da UE, e en particular o do Estado español, con claro servilismo aos USA, actúen fóra da lei e contribúan indignamente a impedir que Edward Snowden poda viaxar a América Latina ou calquera outra parte do mundo para vivir libre de persecucións e obter asilo político. Debemos colaborar activamente a que non trunfe unha violación tan descarnada do dereito internacional e dos dereitos humanos, pois persegue provocar un escarmento que convenza do poder omnímodo dos USA.

Tod@s somos Snowden. Vainos a vida en que a extorsión, a chantaxe e a intimidación dos USA fracase, polo noso ben, como persoas, polo dereito de todos os pobos do mundo a seren libres, sen teren que padecer dominios imperiais.

Por todo o devandito, solicitamos:

1.-Do Goberno de Rusia que conceda o asilo político solicitado por Edward Snowden, para permanecer nese país libremente, ou poder viaxar, se así o desexar, aos países de América Latina, que llelo ofreceron.

2.-Do Goberno do Estado español que conceda salvoconduto, e realice xestións cos outros gobernos da UE no mesmo sentido, para facilitar que Snowden poida viaxar a América Latina, desde Rusia.

3.-Da ONU unha declaración sobre a consideración de Snowden como refuxiado político, instando aos Estados membros a respectar o sistema de asilo, conforma á Declaración Universal dos Dereitos Humanos e aos principios e deberes da legalidade internacional.

Ao Presidente da Federación de RUSIA

Ao Presidente do Goberno Español

Ao Presidente do Consello da UE

Ao Secretario Xeral da ONU

 

ASINA!