Tereixa Paz: "A situación dos gandeiros galegos é inaguantable"

A deputada asegurou que os gandeiros non sacan os tractores a rúa “por vicio”, sácannos por “desesperación”

A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz afirmou hoxe que o sector lácteo galego vive unha situación “inaguantable” e negou que os gandeiros estean a percibir os 300 euros prometidos no contrato asinado en Madrid.

Tereixa Paz respondeu á directora xeral da Consellería de Medio Rural que os gandeiros galegos non sacan a rúa os tractores “por vicio”, fano por “desesperación” ante o engano do Goberno. A parlamentaria criticou que a directora xeral comparara a situación galega con outras comunidades autónomas. Se eu fora gandeira, dixo, “sentiríame desolada” ante as súas manifestacións afirmando que o están facendo “magnificamente ben” cando en realidade, o que perciben as explotacións é que tres meses despois do acordo de Madrid, no mellor dos casos, “logrou subir un céntimo” e seguen perdendo sete u oito céntimos por cada litro de leite.

Paz recriminou que o Goberno galego, unha vez máis, “deixara tirados aos gandeiros” preocupándose máis de convencer ao resto dos galegos de que “está facendo algo” pola “agónica situación do sector lácteo galego”. A deputada destacou que o contido sobre o contrato homologado, asinado onte en Madrid, “son oito folios de palabras ocas e se compromiso”.

Finalmente lamentou que ante o grave problema polo que están a pasar as explotacións galegas a Xunta asuma “sen rechistar” os ditados de Madrid e Bruxelas, para isto dixo, “se o PP permite que gobernen os mercados para que queremos eleccións”.