Tereixa Paz pregunta pola acusación contra Baltar e o Goberno non se pronuncia

A deputada do BNG formulou unha pregunta ao Goberno, polo trámite de urxencia, reclamando unha explicación sobre as graves acusacións “de solicitude de favores sexuais a cambio de un posto de traballo fixo” imputadas ao Presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar

 Na súa intervención, a deputada reclamou unha explicación do Goberno sobre as graves acusacións formuladas contra o Presidente da Deputación e preguntou que medidas ten previsto impulsar para garantir o cumprimento da lei 11/2007 de Prevención e tratamento integral da violencia de xénero. A parlamentaria acusou ao goberno de manter unha dobre vara de medir, “e pedir a dimisión” cando as manifestacións machistas non se producen nas súas filas

Tereixa Paz explicou que a violencia de xénero non se reduce “a que mallen nas mulleres e as maten ”. Violencia de xénero tamén son “ as manifestacións, as palabras, o abuso sexual e acoso sexual e a cousificación o Sr. Feijóo fixo das mulleres facéndonos quedar como meros obxectos ao servizo da satisfacción dos homes”. Por iso, engadiu formulamos esta pregunta para saber si “o Partido popular e este Goberno ten algún tipo de código ético que tipifique as condutas que atenten contra a igualdade das persoas e as mulleres”. Non hai no seu código ético algún principio que impida que as persoas que ostentan cargos públicos utilicen sexualmente as mulleres cometendo o caciquismo de toda a vida?” preguntou.

A vostede como máximo responsábel de política de Igualdade, non lle merece “algunha reflexión” que un Presidente dunha Deputación acusado, “non penalmente”, pero si “invalidado politicamente pola sociedade” por acosar sexualmente a unha muller como recolle a lei que vostede ten que aplicar todos os días en materia de Violencia de xénero e o seu Goberno “non só mire para outro lado” senón que sega acusando a vítima, remarcou a nacionalista.

 O PP aconsella aplicar “prudencia e firmeza” e acusa a oposición de demagoxia e electoralismo

Pola súa parte, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda afirmou que debe ser aplicada “a prudencia e firmeza” fronte un tema xudicializado e acusou á oposición de “demagoxia” e pouca seriedade por ter abandonado o hemiciclo na xornada da mañá, a modo de protesta, porque Núñez Feijóo ao ser preguntado polo caso Baltar evitou pronunciarse.

Na réplica, a nacionalista preguntou as razóns polas que o vicepresidente non responde ás preguntas formuladas e explicou que tras un pronunciamento xudicial xa “non necesitaremos nin a súa contundencia nin a do Sr. Feijóo”, a firmeza debe ser en termos políticos.

A parlamentaria concluíu a súa intervención reiterando que un cargo que acosa a unha muller, violentando a súa vida sexual obrigándoa a manter relacións sexuais coa promesa dun posto de traballo, “debe dimitir” e a Xunta está “amparando condutas machistas” e a un presunto autor dun acto tipificado por Lei como “violencia de xénero”.