Tereixa Paz pide á Xunta que “SEAGA” permaneza activa como mínimo, 6 meses ao ano

A deputada denunciou que os 500 traballadores de SEAGA, empresa pública de servizos agrarios, son contratados unicamente no verán para labores de prevención de incendios, en "condicións laborais inestábeis e de subcontratación"

A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz pide, a través dunha proposición non de lei, unha maior actividade da empresa pública de servizos agrarios SEAGA e mellorar as condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras.

A parlamentaria explicou que SEAGA naceu como empresa pública para a a realización de obras, servizos e actuacións no medio rural, tanto no ámbito agrario como forestal pero na actualidade, ten como práctica habitual a subcontratación de traballos que corresponden a propia empresa.

Se o Partido popular “quere cargarse SEAGA” que o faga con valentía e se non lle gusta o Banco de terras que “se lo cargue tamén” en vez de telo invernado, o que sucede, dixo, é que o Partido popular confunde a coherencia coa contumacia, “e así nos vai”, dixo.

Se botamos a vista atrás constamos que para a campaña de verán os traballadores de SEAGA estaban contratados máis tempo que na actualidade e cando remataban eses contratos encadeábanse con contratos para realizar actividades forestais ou doutro tipo fora da época de inverno pero agora temos “o 70% dos cartos destinados a obras forestais que acaban en Naturgalia”.

SEAGA realizaba os traballos de mantegal, a identificación do gando equino, o saneamento gandeiro, traballos forestais vinculados ás Unidades de Xestión Forestal así como traballos complementarios nas concentracións parcelarias, actividades, afirmou a nacionalista, que “agora non fai ninguén”. O Partido popular ao chegar ao goberno tomou como primeira medida formalizar “un ERE” en SEAGA deixando no paro aos traballadores e traballadoras que realizaban estes traballos.

En materia de incendios, engadiu, o PP deseñou un modelo, que máis tarde ou cedo, evidenciará a súa “ineficiencia” e “fracaso”. A parlamentaria volveu a reclamar incrementar a carga de traballo de Empresa pública SEAGA, reorientar a política de prevención de incendios forestais e revisar as bases dos procesos selectivos de persoal na contratación fixa e temporal para incluír como “méritos” á experiencia ao servizo da empresa pública SEAGA.

Pola súa parte, o portavoz popular, Cesar Fernández anunciou o voto en contra da iniciativa nacionalista por considerar que o PP “vota en coherencia” como xa fixo noutras ocasións.