Tereixa Paz: “ A ministra Bañez é unha ignorante ou unha manipuladora"

Tereixa Paz en Comisión

A deputada reclamou hoxe no Parlamento que os emigrantes retornados sexan tratados con xustiza e de forma igual ao resto dos pensionistas

A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz iniciou a súa intervención denunciando o intento de manipulación do Goberno do PP co colectivo de emigrantes retornados e reclamou que se modifique a lei para que tributen igual que o resto dos cidadáns.

Tereixa Paz afeou as palabras da Ministra de Traballo da que dixo, “ ou ben é unha ignorante ou ben estúpida e manipuladora” por afirmar onte no Congreso que o Goberno central modificou a lei do IRPF para beneficiar os retornados. Paz lembrou que o único que fixo o Goberno foi “recoñecer a utilización irregular e abusiva da lei” polo que serán devoltas as cantidades derivadas das sancións.

Asemade, remarcou que afectados que aínda non abonaron o IRPF están obrigad@s a facelo nos vindeiros seis meses e con carácter retroactivo e coa mesma lei que na actualidade “os discrimina”.

Tras a intervención do deputado popular, Hipólito Fariñas que acusou ao BNG de “manipular aos retornados” a nacionalista explicou que a única que manipula é a Ministra Báñez que pretende “meter gato por lebre”, acusación que estendeu ao propio Partido popular que vai na mesma dirección ante a proximidade das eleccións.

O PP non “regala nada” e todo o que se leva conseguido para retirar as sancións é produto exclusivamente das protestas dos miles de retornad@s que “levan ano e medio mobilizándose” para que non pisen os seus dereitos, afirmou.

 A deputada lamentou que, unha vez máis, o Partido popular dea as costas a este colectivo votando en contra da proposta nacionalista baixo a escusa “de que todo o mundo debe pagar impostos” ao que Paz replicou, dende o BNG defendemos que todo o mundo pague segundo as súas posibilidades, pero se “se fan amnistías fiscais para os ricos porque non para os traballadores?”, concluíu.