Tereixa Paz acusa á Xunta de “submisión” ante Madrid por non defender os concellos galegos

Tereixa Paz en Comisión

Para a parlamentaria do BNG, a resposta do director xeral, Pazos Couñago, mostrando “lealdade o Estado” ante as consecuencias do recurso de inconstitucionalidade promovido polo Goberno do Estado contra a norma  galega  derivada da lei de Reforma de Administración local constata a “submisión do goberno galego aos ditados de Madrid”

A deputada do BNG, Tereixa Paz formulou hoxe unha pregunta parlamentaria na comisión de Administración Xeral sobre as consecuencias do “recurso de inconstitucionalidade” promovido polo Goberno do Estado contra a lei de Medias urxentes aprobada no Parlamento galego tras a entrada en vigor da lei de Reforma de Administración local do Goberno do Estado.

No debate da norma galega, o BNG defendeu presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a Reforma da lei de Administración local promovida polo Goberno do Estado, por considerar que “laminaba as competencias dos servizos dos concellos galegos”. A reclamación nacionalista foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

A parlamentaria lembrou que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión plenaria do 22 de abril de 2014 no debate do proxecto da lei galega intentou convencer aos grupos da oposición para que “retiraran a solicitude de devolución da nova norma” amparándose en que a Lei de Medidas urxentes era de imprescindíbel aprobación para “desbloquear as eivas da lei de Reforma local do ministro Montoro”.

A parlamentaria afirmou que a reforma da Administración local foi elaborada “de costas aos concellos, ás súas competencias e financiamento” e a súa aplicación provocou “un caos” mentres a Xunta argumentaba que a norma galega de Medidas urxentes resultaba necesaria para rectificar a situación.

Naquel debate, engadiu Paz, existían moitas posibilidades de que o Goberno do Estado puxese en cuestión a norma galega e a pesar da insistencia do BNG en defender que a reforma da lei de Administración local “laminaba a autonomía municipal”, o PP e a Xunta de Galiza non fixeron valer as competenciaa galegas negándose a presentar un “recurso de inconstitucionalidade” contra a lei de racionalización e sustentabilidade da Administración Local do Estado.

Pola súa parte, o director de Administración Local, Pazos Couñago afirmou que o Goberno galego manterá a súa “lealdade institucional co Estado e unha posición sempre construtiva” ao que a deputada do BNG respondeu que as afirmacións do director xeral constatan que o Partido popular e o Goberno galego “asumen os ditados de Madrid” e de novo, “mostra a súa cara máis submisa aínda que conleve a perda de competencias de Galiza”.

A parlamentaria lamentou que o PP non respondera as preguntas formuladas na iniciativa nacionalista entre as que figuraban: as consecuencias da aplicación da lei de Medidas urxentes, a presentación do recurso promovido polo Goberno do Estado contra a norma galega e a posición do Goberno galego ante a Comisión bilateral en relación o contido do artigo 3 e da disposición adicional, cuestionados polo Estado.