Tereixa Paz acusa a Medio Rural de "deixación" na crise do lácteo
A nacionalista denunciou que as grandes áreas comerciais utilicen como reclamo agasallar un litro de leite foráneo por compra
A parlamentaria Tereixa Paz lamentou que, unha vez máis, a conselleira de Medio Rural non respondera a ningunha das cuestións formuladas polo BNG e no seu lugar criticara a xestión desta forza política ao fronte da consellería no período bipartito. A nacionalista mostrou a súa satisfacción e orgullo daquel momento político do que dixo, si hoxe eu tivera que traer o número de medidas que se adoptaron para estruturar o sector e intentar estabilizar os prezos en relación a media estatal e europea, tardaría bastante máis que o que tardaron vostedes en desmantelar durante seis meses.
Sobre a comparecencia da titular de Medio Rural, Tereixa Paz dixo que se limitou a enumerar a cantidade de borradores que dende hai sete meses está a elaborar o Ministerio, pero polo momento, afirmou nada se fixo e o único que podemos constatar e que o sector cada día se deteriora máis.
Pola súa parte, a conselleira afirmou que o prezo medio do leite é de 28,5 céntimos, cifra que a nacionalista rexeitou ante os informes oficiais do FEGA que o sitúa en 27,7 por L e engadindo que durante o ano pasado caeron os ingresos das explotacións lácteas nun 7,2% en Galiza.
O leite como reclamo nas grandes superficies comerciais
A parlamentaria amosou, a través do seu móbil, unha foto dun tiquet da cadea de supermercados Eroski para demostrar que o leite segue sendo utilizado como reclamo. Este tiquet dixo, é de hai trece días e nel pódese ler claramente o agasallo dun litro de leite Campobueno por calquera compra e sen precisar a súa contía. Agora dígame vostede se pode afirmar que a consellería rematou con este reclamo nas grandes áreas comerciais.
A deputada preguntou que vai ocorrer dentro de tres meses cos picos estacionais de produción coincidindo cun menor consumo do leite despois de que a conselleira non aludira na súa intervención a esta circunstancia. Ou se defende que o Estado español promova ou ampare unha autoregulación do sector para os próximos seis meses, ou non e en caso contrario, defenderá ante o Estado e a Unión europea medidas xustas para que os nosos gandeiros non teñan que producir menos para que os galegos e galegas teñamos que consumir leite de Francia?.
Tereixa Paz concluíu preguntando novamente á conselleira de Medio Rural se consentirá políticas nas que Galiza sega perdendo peso no sector lácteo.