Tereixa Paz acusa ao Goberno de darlle as costas ao sector leiteiro

A parlamentaria salientou que o adianto de 70 M€ das axudas europeas para o sector  continúan conxeladas até abril e o sector só recibe do Goberno “evasivas e boas palabras”

A deputada do BNG, Tereixa Paz defendeu hoxe na Comisión de Agricultura unha Proposición non de lei con medidas concretas para afrontar a crise do sector lácteo entre as que destacou: A creación dunha comisión de seguimento con todas as forzas e organizacións de produtores para realizar o puntual cumprimento dos acordos de Madrid, cumprir cos contratos homologados e apostar por proxectos galegos  de transformación de leite e derivados lácteos.

Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, Isabel García Pacín anunciou o voto en contra da iniciativa nacionalista por considerar que os acordos co sector estanse a cumprir “paseniñamente” e non é necesario crear unha comisión semellante a Mesa do Leite como fixera o BNG.

Na réplica, a nacionalista negou que se estea a cumprir o contido do acordo de Madrid  e lembrou que despois de catro meses do conflito lácteo “non pasou nada” e mesmo o adianto de 70M€ de axudas europeas destinadas aos produtores seguen sen aboarse co anuncio agora da Xunta, dixo de que serán pagadas no mes de abril.

Ante a negativa de Pacín de crear a comisión de seguimento , Tereixa Paz acusouna de “sectaria” por afirmar que non votaban a favor  porque implicitamente a proposta nacionalista facía referencia á Mesa do leite creada polo  Bloque, a Mesa do Leite “non era do Bloque” recalcou Paz  e explicou que  hoxe nós non estamos propoñendo  o  mesmo , o que defendemos é a que o goberno ten a obriga de poñer á disposición dos colectivos todos os instrumentos para resolver os seus problemas. “Queremos constituír unha comisión de seguimento en Galiza coa participación do goberno galego, organizacións de produtores, plataforma en defensa do sector lácteo e demais elos da cadea para realizar un seguimento dos acordos de Madrid e realizar as propostas que se consideren necesarias para resolver a grave problemática do sector”, isto é , reiterou, o que estamos propoñendo e vostede acada de dicir que non o aproba  porque “lle cheira á Mesa do leite do Bloque” o cal é oo recoñecemento expreso dos   “prexuízos  e fantasmas seus e  do seu grupo”, máis que a defensa  dos intereses  xerais.

O PP tumba dúas propostas do BNG destinadas mellorar a situación da crise do sector lácteo galego e facilitar as axudas da PAC para prácticas de pastoreo e gandería extensiva de montaña

A iniciativa foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular ao igual que a Proposición non de lei, tamén defendida pola deputada Tereixa Paz sobre as medidas a adoptar polo Goberno galego sobre a aplicación das axudas da Política Agraria Común.

Sobre as axudas, a parlamentaria reclamaba a revogación da instrución que exclúe a todas as parcelas de 0,3 hectáreas como beneficiarias das axudas da PAC, adoptar medidas para defender as prácticas de pastoreo e gandería extensiva de montaña e establecer un tratamento xusto da PAC de todos os tipos de pastos utilizados para o pastoreo que sigan sendo admisíbeis ás axudas directas da Política Agraria Común.