Subida dos carburantes, outra volta de torca do PP ás economías dos galegos e galegas
Neste sentido, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, criticou o empeño do PP en acosar á maioría social do país. O presidente Feijóo contradí a súa propia propaganda de non subir impostos, subidas que sempre afectan aos impostos regresivos que paga por igual calquera persoa con independencia do seu nivel de renda. Neste caso, afectará especialmente a quen ten que desprazarse por motivos de traballo, explicou Vence.
O portavoz nacionalista lembrou que en Galiza xa pagamos o denominado céntimo sanitario imposto tamén polo Goberno popular da Xunta, ao que se suman as novas subidas previstas pola Xunta para a gasolina e o gasóleo.
Vence lamenta que o PP esprema ás economías familiares mentres concede amnistías fiscais aos defraudadores, que utilice a Facenda pública para perseguir aos emigrantes retornados en lugar de loitar contra a fraude fiscal, que se suban os impostos indirectos mentres non se tocan as grandes fortunas nin a banca. Esa é a política fiscal do PP: acoso á maioría social e man ancha para os defraudadores, as grandes fortunas e a banca, sintetizou.
Para o portavoz do Bloque, a clave para incrementar os ingresos públicos é revitalizar a economía, apoiando aos sectores produtivos e facendo que o crédito chegue as empresas e as familias. A política de recortes do PP e o espolio de NGB van na dirección contraria, concluíu.