“Sr. Presidente, responda á pregunta”

Jorquera pregunta polos recortes en Sanidade e Feijóo responde que hai que tomar máis mel e menos  medicamentos e que a sanidade conta coa mesma "garantía pública que a Catedral de Santiago. O grupo parlamentario do BNG amosa cartaces no Parlamento ante a continúa negativa de Núñez Feijóo a responder

Pleno. Tras formular o portavoz do BNG, Francisco Jorquera a pregunta ao Presidente sobre os recortes en Sanidade e negarse Feijóo a responder, o grupo parlamentario do BNG amosou dende os escanos cartaces de protesta coa frase: “Sr. Presidente, responda á pregunta”.

O nacionalista lembrou que a pasada semana a cidadanía galega saíu masivamente a rúa para defender a Sanidade Pública e a resposta do Presidente da Xunta foi, unha vez a “propaganda” a través da publicación nos xornais do anuncio “A Sanidade Pública de Galicia:Fai un uso responsable dela” como se a situación critica da nosa Sanidade, explicou, Jorquera “fose do uso irresponsábel d@s usuari@s”.

Cánto custaron eses anuncios, Sr Feijóo?, preguntou o deputado. Vostedes mentres masacran a xente con recortes e respagos tiran os cartos en propaganda.

Vostede afirmou que mentres sexa Presidente, a Sanidade pública estará blindada pero a conselleira Rocio Mosquera xa se encargou de aclarar en que consistía esa blindaxe ao convidar á cidadanía a “cruzar os dedos para que a achega do usuario non necesite máis cambios”.

Só falta que nos pidan que levemos velas a Santiago ou a Virxe de Fátima porque Sr. Feijóo, “nunca ninguén en tampouco tempo fixo tanto dano aos nosos servizos públicos”.

Na súa intervención Jorquera denuncio os recortes nos plans de mellora de Atención primaria, Saúde Mental, atención Sociosanitaria e drogodpendencias , ademais do peche de camas que afectan a plantas enteiras. Coas áreas de servizo compartido, explicou, un neno da comarca de Valdeorras terá que ser trasladado a máis de 200 OM para ser atendido por un cirurxián pediátrico e agora tamén desmantelan o 065 provocando que moitos dependentes e discapacitados teñan que renunciar á terapia, “esta Sr. Feijóo é súa blindaxe da Sanidade”.

Todo o mundo chorando a Mandela e o PP subvenciona o apartheid

O ensino público desde que vostede goberna reduciu os recursos en máis dun 33 por cento pero destinan perto de 250 millóns de euros ao ensino privado concertado, incluídos aqueles centros que segregan o alumnado por sexo, “todo o mundo chorando a Mandela e vostedes subvencionando o apartheid”.

O parlamentario denunciou a concesión dun ciclo superior de FP ao colexio das Acacias de Vigo denegado a varios centros públicos de Pontevedra e reprobou que mentres o alumnado non ten dereito a libros de texto gratuítos, increméntase nun 50% a asignación para os alumnos de centros privados para mellorar ás destrezas lingüísticas, “ensino para ricos e ensino para pobres, ese é o seu modelo”, o mesmo que para a sanidade, sentenciou.

As políticas do PP producen sufrimento e pobreza

As súas políticas, manifestou o nacionalista “producen sufrimento”, privatizan a electromedicina, a xestión de raios, derivan os casos de accidentes de tráfico menos graves á clínicas privadas, “converten a sanidade nun negocio” esa é a súa política Sr. Feijóo “por moitos anuncios que poña e moito mel que tome”.

Pola súa parte, o Presidente, unha vez máis, non respondeu as preguntas formuladas polo nacionalista , mantendo o grupo parlamentario do BNG os cartaces en alto dende os escanos durante a intervención de Feijóo.