Soberanía é decidir desde Galiza o futuro do naval, de NGB ou da frota cefalopodeira

Ás portas de celebrarse o debate do estado da nación, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, avanza que o Bloque vai utilizar esa cita parlamentar para facer propostas concretas que contrarresten as consecuencias do desgoberno do PP.

“Queremos que sexa un reflexo da realidade do país, das nefastas consecuencias do desgoberno do PP e das súas políticas para o emprego, para a familias, -que ven como se deteriora a súa calidade de vida-, para os servizos públicos, -que están a perdendo calidade a pasos axigantados-, e un reflexo do desleixo que nos leva a perder capacidade de decisión sobre temas tan importantes como o futuro de NGB”, enumerou Vence entrevistado na Cadena Ser.

Vence salientou que o BNG presentará iniciativas sobre os principais problemas do país, “moitas propostas de resolución concretas para atender necesidades urxentes e importantes para mellorar a situación do país e as perspectivas de futuro”.

Neste sentido, confía en que o presidente da Xunta non se instale na súa habitual “crispación” nesta cita parlamentar: “Esperamos un debate construtivo e non o tipo de debates aos que nos ten acostumado Feijóo, de crispación permanente e de demonización de todos aqueles que critican as súas políticas”.

Soberanía

O portavoz nacionalista fixo fincapé na importancia de camiñar cara maiores cotas de soberanía para enfrontar os problemas de Galiza, citando como exemplos a situación do sector naval de Ferrolterra, a expulsión da frota cefalopodeira de Mauritania ou o sistema financeiro galego.

“Se adoptásemos desde aquí as decisións importantes, estou seguro que o sector naval da ría de Ferrol non estaría  como está, e hoxe a inmensa maioría ten claro que é nefasto que o futuro de NGB se decida en Madrid, por parte do Goberno central e do ministro De Guindos”. Da mesma maneira, dixo ter claro que o Goberno central en Bruxelas “deixou tirado ao noso sector pesqueiro, en concreto á frota cefalopodeira”.

Se Galiza “tivese poder de decisión neses temas igualmente teríamos que ir a un proceso de negociación con terceiros, pero se negociamos nós directamente  temos máis garantías de que os intereses de Galiza saian ben parados”. Neste consiste a soberanía, salientou.

Desprestixiar o Parlamento

En relación á proposta do PP de reducir os número de deputados considera que “é unha estratexia” para “desprestixiar as institucións representativas da nosa cidadanía”, ademais de que desequilibraría o peso electoral: “Un voto na Provincia de Pontevedra valería a metade que un voto na provincia de Ourense ou de Lugo. Queremos que os votos dos galegos valan o mesmo”.

Eleccións europeas

O portavoz nacional salientou que o BNG non vai supeditar os intereses de Galiza aos intereses electorais de IU, e reitera a Anova a “oferta xenerosa” de configurar unha coalición unitaria galega ás europeas sumando as forzas nacionalistas de esquerda do país.

“Esperamos que a dirección e a militancia de Anova tomen unha decisión e nós esperamos que reforcen o nacionalismo galego de esquerdas deste país, que é o que precisa a cidadanía galega, en lugar de reforzar as forzas estatais. Por iso esperamos que basculen cara este lado”, explicou.

Salarios d@s parlamentario@s

Vence tamén deixou claro que o BNG demanda que os parlamentarios “tributen exactamente igual que calquera outro cidadán, aplicando estritamente o que marca a lei para todos”, sen ningún tipo de diferenciación. Igualmente, o portavoz nacional salientou que é doado facer demagoxia con este tema e considera que as retribucións dos representantes parlamentarios “non son o problema” do país. “E o digo sen ser parte interesada posto que percibo salario nin do Parlamento, nin de ningunha instancia política, senón do meu traballo diario na universidade”, concluíu.