A situación do sector leiteiro galego chega a Bruxelas da man do BNG
A portavoz nacionalista en Bruxelas e secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, denunciou ante a Comisión Europea a dramática situación do sector leiteiro galego ante a posición de abuso da industria e da gran distribución, que están a impoñer prezos por debaixo de custe colocando ao borde da desaparición a miles de explotacións lácteas, sen que nin o goberno español nin a Xunta adopten medidas efectivas.
Miranda alega ante o Executivo comunitario que a desaparición do sistema de cuotas está a ter unhas consecuencias demoledoras para o sector, pese a ser Galiza o primeiro produtor de leito do estado e o noveno da UE, xa que agora son as industrias as que, de facto, impoñen límites á produción pola vía de rebaixar o prezo ata límites inviables e mesmo baixo a ameza de non recollida do leite.
O Bloque reclama da Comisión Europea medidas urxentes para paliar esta situación excepcional de crise que está a sofrer o sector lácteo galego, e insiste na necesidade dunha actuación política coordinada de todas as administracións implicadas. Neste sentido, considera que o executivo comunitario non pode limitarse a recomendar a creación de organizacións de produtores para reforzar a súa capacidade negociadora ante a industira, como recolle a resposta remitida ao BNG polo comisario de Agricultura, Phil Hogan.
Ante o drama do sector leiteiro, clave para miles de familias e para o conxunto do medio rural, a Comisión non pode limitarse a reprocharlle aos produtores galegos un suposto baixo nivel de integración, critica Miranda, quen advirte que as medidas contidas no paquete lácteo non está corrixindo a posición de auténtica extorsión que a industria exerce sobre os e as produtoras.
Unha ampla representación do BNG, encabezada polo portavoz nacional, Xavier Vence, participa mañá na tractorada convocada en Lugo en defensa do sector leiteiro, ademais de reclamar a comparecencia do presidente da Xunta na Cámara para explicar as medidas do goberno galego ante a situación do sector.