Para que serve o Parlamento? Jorquera debate na rede c@s internautas sobre o estado da nación

“Que proporías se foses presidente?, debate de tres días para que?, 112.000 parad@s sen prestación, a escaseza de escolas infantís, que pasa coa investigación, autoestradas de peaxe, Galiza que quere ser de maior?”…son algunhas das preguntas que @s internautas formularon ao portavoz parlamentario do BNG no debate virtual sobre o estado da nación.

Unha iniciativa que forma parte da liña de traballo do Bloque, outra forma de “escoitar de primeira man os problemas, inquietudes e propostas da sociedade, de coñecer as súas preocupacións”, explicou Jorquera, e trasladalos ao debate de política xeral no que, avanzou, o BNG “vai defender un cambio nas prioridades de Goberno da Xunta para centralas na loita contra o desemprego e a pobreza”.

Existe unha preocupación xeneralizada pola falta de emprego, pola pobreza, a exclusión social e pola loita contra as desigualdades, “e resulta imposible facerlle fronte a todo iso cun goberno que se somete aos ditados de Rajoy, o cambio é avanzar cara un maior autogoberno que nos permita ter ferramentas para afrontar con eficacia os problemas do país”, subliñou Jorquera.

Desemprego, emigración, reforma do Parlamento, escolas infantís, máis autogoberno, recortes nos servizos públicos, abuso das peaxes, entre os temas que propuxeron @s participantes neste debate virtual, no que tamén interpelaron a Jorquera sobre a utilidade dun debate de tres días non que apenas se aproban propostas e son menos as que finalmente cumpre o Goberno de Feijóo, argumentaban @s internautas.

A resposta de Jorquera sobre a utilidade da cita da próxima semana: levar os problemas da cidadanía á Cámara, mostrarlle que hai outras alternativas políticas, evidenciar “que non todos son iguais” e dar argumentos aos galegos e galegas para decidir. Non se trata de convencer ao PP, subliñou.

Galiza si!

“Asegurar que os problemas da cidadanía van ao Parlamento, demostrar que ás políticas do PP poñendo propostas na mesa. Polo tanto, tamén ten unha función pedagóxica coa sociedade. Non debatemos unicamente pretendendo convencer aos deputados da maioría para que modifican a súa opinión, senón para darlle elementos de xuízo á sociedade para que se formen as súas propias opinións e acrediten na necesidade de políticas alternativas”, indicou.

Este debate na rede, -que se pode seguir no enderezo http://www.reddit.com/r/galizasi-, forma parte do proceso do BNG de contacto directo coa cidadanía para elevar as súas propostas ao debate do estado da nación, que se suma a canle aberta na web e as reunións mantidas nas dúas últimas semanas con colectivos sociais, económicos e sindicais.