A sentenza sobre o "decreto da vergoña" reafírmanos nunha oposición firme e contundente

Francisco Jorquera felicita aos promotores da denuncia e insta a Feijóo a que á hora de designar o novo conselleiro de Educación escolla o camiño da “rectificación” e non o do “continuismo”

O portavoz do GP do BNG, Francisco Jorquera, reiterou que o seu grupo fará unha oposición firme e contundente a Feijóo “e sentenzas como a do TSXG sobre o decreto do plurlingüismo nos reafirma nesta posición e nesta forma de facer política”.

Jorquera, logo da reunión de consultas coa presidenta da Mesa para a investidura do presidente da Xunta, explicou que é evidente o voto en contra do BNG á investidura de Feijóo, pero non só por posicións apriorísticas,”porque os nosos programas sexan antitéticos”, senón porque a experiencia da pasada lexislatura demostrou que as políticas do PP son claramente lesivas para Galiza e para os intereses das maiorías sociais.

Neste sentido, salientou o ataque sen precedentes ao galego que caracterizou a práctica política de Feijóo na pasada lexislatura, o “decreto da vergoña” que agora fica invalidado pola Tribunal Superior de Xustiza de Galiza nos seus artigos máis conflictivos.

“Teño que felicitar aos promotores da denuncia e congratúlome de que grazas á mesma hoxe, logo de moito tempo, teñamos unha boa noticia para o idioma galego".

Para Jorquera, esta sentenza ratifica os argumentos empregados polo BNG en contra dese decreto e en defensa do idioma e por iso “tamén nos reafirma no tipo de oposición que temos que facer. Temos un mandato claro dos cidadáns, que exerzamos un labor contundente en defensa dos seus dereitos, dos sociais e dos nacionais, e esa vai ser a nosa pauta de actuación”.

Conselleiro de Educación

A preguntas dos xornalistas sobre a posibilidade de que Feijóo volva nomear conselleiro de Educación a Jesús Vázquez, o voceiro do BNG advertiu que hai dúas opcións, ou elixir continuismo e apostar por políticas que fica demostrado que foron un fracaso e de dubidosa legalidade ou ben apostar pola rectificación, “nós agardamos que o futuro presidente escolla o camiño correcto, agora ten unha boa oportunidade para facelo”.

 

http://youtu.be/AVo3iamMePw