Segunda dose de AstraZéneca?
En relación ao proceso de vacinación e preguntada polos medios, Pontón indicou que compartía a “perplexidade” da maioría da poboación ante os bandazos e as incertezas xeradas arredor da aplicación da segunda vacina ás persoas que recibiron AstraZéneca, “tendo en conta que xa hai semanas que a Axencia Europea do Medicamento se posicionou a favor de que se completase a pauta coa mesma vacina. A quen hai que facerlle caso é aos estudos e as autoridades científicas que, neste ámbito, ten como principal referente á EMA”.
“Hai que acelerar o proceso de vacinación, deixarse de confusións e non facer disto un debate político porque empezamos a ter a sensación de que tras este debate o que se agocha é unha guerra entre farmacéuticas. A vacinación é o mellor e máis seguro camiño para recuperar a normalidade canto antes”, declarou.