O sector pesqueiro denuncia na Eurocámara a incompatibilidade dos actuais megaproxectos de eólica mariña coa pesca
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, salientou que é imprescindible que os proxectos de eólica mariña respecten o sector pesqueiro, así como o medio mariño. Defendeuno na conferencia que tivo lugar esta mañá no Parlamento Europeo “Sobre eólica mariña: cara un novo fracaso ambiental?”, na que participou unha delegación galega, asturiana e portuguesa representante do sector pesqueiro convidada polo Bloque.
Ana Miranda subliñou, ademais, a necesidade de que se coñezan os efectos prexudiciais dos actuais megaproxectos de eólica mariña tanto para o sector pesqueiro como para os ecosistemas mariños. “Que está por riba, a soberanía enerxética ou a soberanía alimentar?”, sinalou a eurodeputada nacionalista, quen criticou a falta de participación no sector, quen defendeu que debe ser escoitado pola Comisión Europea. Asemade, agradeceu aos integrantes da delegación, -representantes das diferentes confrarías, colectivos ecoloxistas e CIG- que se trasladaron a Bruxelas para participar na conferencia, así como a deputada e o deputado do Bloque no Parlamento Galego Rosana Pérez e Ramón Fernández.
“A loita contra o cambio climático non pode poñer en perigo os ecosistemas”, salientou Torcuato Teixeira, voceiro da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, na súa intervención na conferencia. Denunciou ademais a imposibilidade de que coexistan os proxectos de eólica mariña actuais coa actividade pesqueira debido, entre outras razóns, á particular configuración da plataforma continental ao longo da costa galega, moito máis estreita que no resto da costa europea.
Falta de participación
O presidente da Federación Española de Confrarías de Pescadores, o galego Basilio Otero, pola súa banda, criticou que o sector pesqueiro non foi consultado no desenvolvemento do plans de ordenación mariña para que puideran achegar información sobre a afectación ao sector. Ademais alertou do aumento das importacións de peixe, como consecuencia directa da destrución do sector pesqueiro polos actuais proxectos de megaeólica mariña. “Os pescadores poden achegar información vital para a ordenación dos noso mares”, subliñou Otero.
O patrón maior da Guarda, Rubén Adrover, expresou o rexeitamento da pesca artesanal coa enerxía eólica. “Eu quero seguir vendo as nosas vilas como son e non quero que ninguén veña a cambialas. Queremos seguir vivindo dos nosos recursos, como fixeron distintas xeracións de pescadores”, manifestou. “Galiza e Portugal están unidas por moitas cousas, pero non queremos que estean unidas por muíños de vento”, manifestou. Precisamente Nuno Teixeira, presidente das confrarías de Portugal preguntouse na súa intervención se “vale máis a eólica no mar ou un barco alimentando unha comunidade” e cuestionou os intereses das grandes multinacionais. “Portugal necesita importar o 70% do peixe”, denunciou, ao tempo que criticou a redución nos últimos anos do 65% dos barcos destinados á pesca “polos que dicirmos eólica si, pero non así”.
“Quero seguir vivindo da pesca e non imos permitir que veña a eólica mariña a destruir o noso medio de vida”, sinalou o presidente da Confraría de Cangas, Francisco Javier Costa, no inicio da conferencia, ao tempo que subliñou que desde a confraría seguirán “loitando para seguir vivindo dignamente da pesca artesanal”. Con estas consideracións coincidiron a presidenta da Confraría de Cedeira, María Magdalena López, e o representante de CIG Mar, Xavier Aboi, quen ademais agradeceron á eurodeputada do BNG, Ana Miranda, a posibilidade de participar na conferencia e poder denunciar a destrución do sector pesqueiro.