Xerais 2019 (10N)

Cun sector industrial “en caída libre”, Ana Pontón pide cambiar o guión que impoñen as forzas estais apostando polo BNG

Ferrol

“O debate vai ser a foto fixa que permita ver como ignoran a Galiza”, prognostica a líder nacionalista

Rego propón para Ferrolterra potenciar un complexo industrial integral

A portavoz nacional, Ana Pontón, e o cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, denunciaron en Ferrol a crise industrial que sofre Galiza, cun dos seus epicentros nesta comarca tradicionalmente maltratada polas sucesivas reconversións do PP-PSOE ao longo da últimas décadas.

Unha crise industrial de norte a sur, afectando a comarcas enteiras desde A Mariña a Coruña, pasando pola Costa da Morte ou Vigo, con 6.000 postos de traballo directos en xogo, ante o ninguneo das forzas estatais que, avanzou, volverá quedar en evidencia no debate electoral.

“Sabemos que ningunha destas cuestións vai aparecer no debate televisivo desta noite que nos vai deixar a foto fixa na que veremos os candidatos ignorando os problemas de Galiza porque non teñen compromiso con este país, e só veñen buscar os votos pero sen dar resposta os problemas de Galiza. Temos que cambiar ese guión e o 10N os galegos e as galegas podemos facernos valer da man do BNG”, subliñou a líder nacionalista desde Ferrol.

Os indicadores dan conta da desertización industrial: un índice de produción industrial “en caída libre”, á perda de emprego industrial e hoxe, hai menos traballadores que fai dez anos neste sector, - “evidenciando como a crise deteriorou os sectores produtivos e económicos do país”-. E, finalmente, o indicar da progresiva desaparición de empresas e nos 6.000 postos directos en traballo en risco.

“O BNG confía na capacidade e no potencial de Galiza e na necesidade de facernos respectar para avanzar e este 10N temos a oportunidade de recuperar peso político, de recuperar capacidade para decidir a favor dos intereses dos e das galegas”, recalcou a líder nacionalista. Neste sentido, avanzou que o Bloque vai usar o a representación no Congreso a favor do sector industrial de Galiza en varios frontes.

E primeiro lugar, para evitar que o Estado autorice un peche brusco de ENDESA, “deixando tiradas a miles de familias e a todo un concello”. Por contra, “é necesario abordar un proceso de transición enerxética pero sen peches repentinos senón poñendo sobre a mesa propostas e recursos”.

Ao mesmo tempo, os escanos nacionalistas no Congreso terán como prioridade “acabar co espolio enerxético” poñendo fin ao disparate de ter miles de empregos na picota polos cutes da enerxía nun país produtor neto de electricidade: “estamos producindo a esgalla, pero os beneficios son para as eléctricas e os que se sentan nos seus consellos de administración”, criticou, por iso “imos abrir no Estado un debate sobre o dereito de Galiza a ter unha tarifa enerxética xusta que garanta prezos estables para as industrias do país e tamén un prezo máis barato da luz”.

Pontón tamén comprometeu que o Bloque usará a súa forza en Madrid para defender a construción naval civil, e propón para Ferrol un centro tecnolóxico do naval “que aproveite todas a sinerxías entre empresas e universidade para facer aquí un polo de desenvolvemento apostando pola innovación e a investigación, porque construír barcos é moito máis que cortar chapa”.

“Levamos moitos anos vendo como as forzas estatais levan os votos dos e das galegas e á hora da verdade deciden en contra dos nosos intereses, temos que cambiar ese guión que outros escriben para nós collendo a papeleta do BNG este 10N”, concluíu.

Décadas de eufemismo

Pola súa parte, Rego salientou “as décadas de continúo proceso de desindustrialización por decisión políticas que outros tomaron por nós”, tras cualificar de “eufemismo” a reconversión industrial en Ferrol lembrou que temos novos exemplos con POLYGAL ou ENDESA, contra cuxo peche “loitaremos utilizando todos os medios o noso alcance”.

Ademais, insistiu que se realmente hai que avanzar na transición enerxética é preciso iniciar o proceso con “xustiza social, investimentos e alternativas” e criticou o papel das forzas estatais “que só fan trasladarse mutuamente responsabilidades pero sen mover un dedo dende as súas responsabilidades na Xunta e no Estado”.

Alternativas en clave galega

Rego asegurou que resulta necesario, alí onde se toman decisións, poñer sobre a mesa alternativas, coma sempre fixo o BNG. “Hai que reactivar a capacidade dos estaleiros da ría de Ferrol promovendo un complexo industrial integral diversificando a produción pero sobre todo, pivotando sobre a construción naval civil” para xerar emprego nesta comarca.

“Non queremos, recalcou, limitarnos ás previsións dun plan industrial limitado á construción militar e a amortización do 25% dos postos de traballo, porque os estaleiros de Ferrol teñen moita máis capacidade”. Por outra parte, Rego volveu reivindicar unha tarifa eléctrica galega para dar estabilidade á industria electrointensiva.

“Ferrol precisa apoios para reactivar a súa capacidade económica e promover novas actividades”, indicou Rego. “Galiza debe decidir de maneira soberana sobre os seus asuntos, só así poderemos avanzar cara un desenvolvemento autocentrado e benestar para toda a poboación. Ese é o compromiso do BNG no Congreso dos deputados a partir do 10 de novembro”, concluíu.