O sector agrogandeiro ten que ir a Bruxelas, porque a Xunta non facilita información sobre a futura PAC
A eurodeputada do Bloque critica que Feijoo non presente as propostas os europarlamentarios galegos tendo en conta que o prazo para presentar as emendas remata o 7 de decembro
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a representación do sector agrario, gandeiro e da protección do medio ambiente que se trasladou Bruxelas valoraron moi positivamente a xornada de traballo celebrada sobre a reforma da PAC 2021-27 xa que puideron coñecer de primeira man información sobre as negociacións que se están levando a cabo actualmente, xa que nela participaron altos cargos da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Unión Europea.
Porén, tanto a eurodeputada como a delegación foron moi críticos co goberno galego e o estatal por “non ter información dunha reforma que nos pode afectar profundamente a estrutura agraria do nosos país, á produtividade, ao desenvolvemento rural, a unha baixada dos fondos que é inminente, e sobre todo, a unha falla de planificación do territorio, e por suposto, a soberanía alimentar e a cuestión dos prezos fixos”, explicou Ana Miranda.
“Reunímonos directamente coa Comisión Europea que si tivo a ben recibirnos directamente no máis alto nivel, algo que non pasa en Galiza”, criticou a deputada nacionalista, quen considera que “o señor Feijoo non sabe o que é nin unha leira, nin unha vaca nin un viñedo, porque senón estaría aquí no canto de vir ao Comité das Rexións”. Para Miranda, o presidente galego debería reunirse cos europarlamentarios galegos e galegas para presentar propostas alternativas, posto que o prazo de presentación de emendas remata o 7 de decembre. “O que pasa é que quere destruír o campo, destruír o agro, destruír as viñas, e non lles importan todas estas ameazas que están vindo, que se non nos movemos poden estar consolidadas”, criticou.
Rebaixa do orzamento
“Tivemos que vir desde Galiza a Bruxelas para enterarnos de que xa está practicamente consolidada unha rebaixa do orzamento da PAC, do 5% no primeiro piar, que son as axudas directas, e de 15% no segundo piar, que é o de desenvolvemento rural”, salientou o coordinador da Federación Rural Galega (FRUGA), Manuel Dacal, quen asemade incidiu no devalo da PAC. Ao respecto explicou que a PAC representaba no 1993 o 0,7% do PIB da UE, mentres que neste momento xa é do menos do 0.4%, e no ano 2020 prevese, cando sexa a definitiva saída do UK da UE, do 0,3%. “A PAC está constantemente rebaixando a súa importancia dentro das políticas da UE, o cal acabamos de saber, que é o máis importante para Galiza”, asegurou.
O coordinador de FRUGA sinalou que na conferencia celebrada onte tamén se enteraron de que no sector do viño vaise permitir a plantación de viñas híbridas. “Isto, como dixo o presidente da FRUGA, viticultor da comarca do Ribeiro, con denominación de orixe, é voltar á viticultura de hai 50 anos. É un atraso bestial. Queren homologar o viño coma se fose a Coca-Cola”, denunciou ao tempo que avanzou que nunha xuntanza que manterán o vindeiro martes co Conselleiro demandaranlle información e trasladaranlle “direnctamente as nosas preocupacións e as nosas demandas”.
O presidente da Organización de Comunidades de Montes en Man Común, Alfredo Pereira agradece a invitación de Ana Miranda a participar na xornada de traballo porque asegurou que se enteraron “de moitas cousas importantes que xa están cocidas cando en Galicia a consellería pasa olimpicamente e non informa de nada”. Agradeceulle tamén á eurodeputada do BNG recoller as demandas do colectivo para que as terras en man común sexan recoñecidas “como unha propiedade singular de Galicia, que non son nin públicas nin privadas, senón comunitarias, así como que a loita contra o lume sexa un elemento fundamental, cunha posta en valor do monte veciñal e en man común, de xeito multifuncional e sustentábel!.
Pola súa banda, Esteban Pereiro, produtor do sector leiteiro salienta a importancia deste sector na economía do país, xa que representa arredor dun 2%. “Durante os últimos anos o sector produtor fómonos adaptando ás distintas reformas que se foron levando a cabo na PAC. Isto tivo como resultado un proceso de intensificación na produción e no cambio de estrutura das explotacións, pasando de ser maioritariamente pequenas explotacións familiares a grandes sociedades con traballadores”, explicou.
“Porén, vemos con moita preocupación como quedará a PAC a partir do 2020. Principalmente cremos que se ten que revisar a figura do agricultor activo, para que realmente quen reciba as axudas sexan agricultores profesionais. preocúpanos tamén a condicionalidade da PAC sobre todo pola medida do decreto dos xurros”, sinalou, ao tempo que reivindicou unha maior visibilización da muller no rural, xa que a maioría das explotacións das que as mulleres son titulares son as pequenas, e “pensamos que ten que incidir en que a muller teña máis protagonismo tanto na titularidade como nos cargos directivos das grandes explotacións”, subliñou