Secretario de Pesca dílle a Davila que é difícil cambiar a normativa da UE sobre aletas de quenlla

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, mantivo esta mañá unha xunta co Secretario Xeral de Pesca nas dependencias ministeriais en Madrid para abordar os principais problemas que afecta ao sector pesqueiro.

O TEMA DAS COTAS:

Nomeadamente, o responsábel da pesca explicou a situación das negociacións sobre a distribución de cotas ou TAC´s na UE. Davila criticou os considerábeis recortes de especies de grande importanza para as frotas galegas que propón a Comisión Europea. O Secretario Xeral de Pesca amosou o desacordo do Goberno español especialmente coa proposta de reducción das cotas de rapante nun 55% no Caladoiro sur, sinalando que van defender que se rebaixe o recorte.

Tamén informou que teñen a intención de defender na UE que os recortes sexan en base á cota que ten cada estado e non en base ao desembarcado porque este último criterio prexudica ás frotas do estado español.

Davila demandou ao responsábel de pesca que “calquera reducción das cotas pesqueiras estea baseada en informes científicos rigurosos e contrastados e non por razóns que non teñen base algunha científica”. A deputada do BNG puxo enriba da mesa o retraso no pagamento das axudas á frota do cerco prexudicada por Mauritania e polo peche dos caladoiros de sardiña, e sinalou Andrés Hermida que a demora “se debe a cuestións administrativas”.

A RAIA

Davila interesouse asemade pola paralización da pesca da raia que provocou un grande malestar nas frotas galegas, especialmente ás portas da campaña de Nadal. Neste tema, o responsábel da pesca alegou que a paralización está baseada na superación da cota, e que realizarán negociacións con outros estados para lograr un trasvase de cota como única solución.

AS ALETAS DE QUENLLA:

A portavoz do BNG preguntou ao Secretario de Pesca pola normativa comunitarias das aletas de quenlla adheridas que está a prexudicar á frotas pesqueiras galegas. Unha normativa negativa para as frotas comunitarias porque compiten en desigualdade con frotas asiáticas que non deben seguer esa normativa. Nesta cuestión, o Señor Hermida sinalou que “vai ser imposíbel que a UE modifique a norma ou dea marcha atrás”. Engadindo que “é máis fácil promover unha normativa mundial que modificar a comunitaria” e chegou ao extremo de recomendar que sexan os grupos no Parlamento europeo os que plantexen o tema e insistan”.

XEITO:

No que atinxe á polémica existente sobre a falla de información do Goberno español á UE en relación á arte do xeito, Davila preguntou ao Secretario Xeral se é certo que informaron de que só afectaba a 25 barcos en lugar de a máis de 400. Andrés Hermida limitouse a explicar que “acababan de informar á Comisión Europea de que afectaba a 428 barcos”, o que indica que houbo falla de información veraz.

SARDIÑA:

Non hai esperanzas de que o xeito fique fóra da prohibición de pescar sardiña, sinalando a Davila que “unha vez que se decretou a paralización da pesca da sardiña é para todos”.