Rosana Pérez xa é deputada do BNG no Congreso

Rosana Pérez Fernández xa é desde esta tarde, a nova deputada do BNG no Congreso por A Coruña. Escano que asumiu en substitución de Francisco Jorquera.

Nada máis iniciarse a sesión plenaria desta tarde, o Presidente da Cámara dirixiuse a Rosana para preguntarlle se “xuraba ou prometía o escano en substitución de Francisco Jorquera”, ao que a parlamentar do BNG respostou “si prometo”.

Rosana Pérez afirma “asumir o escano coa responsabilidade e a ilusión de traballar por Galiza, polo territorio de A Coruña, e tratarei con especial cariño á miña comarca do Barbanza”.

A deputada do BNG asegurou que “cumprirei coa miña responsabilidade de trasladar ao Congreso os problemas e as demandas dos nosos sectores produtivos e dos galegos e das galegas”. Afirmou sentir “un enorme orgullo de poder desenvolver o traballo político do BNG nas Cortes do Estado”.