Rosana Pérez a Wert: "A súa preocupación non é a calidade, a súa preocupación é a españolización"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, interviu esta tarde no Pleno do Congreso para explicitar a rotunda oposición do BNG á LOMCE, un proxecto que foi presentado polo Ministro de Educación nunha sesión celebrada no Senado.

Rajoy ten que comparecer

A deputada do BNG comezou a súa intervención criticando “a clausura de Rajoy” e a súa negativa a comparecer na Cámara para dar explicacións polo caso Bárcenas. “Esta lei está gafada, igual que gafado está este debate porque é o substitutivo do debate que se debería estar a dar, e vosté é o substituto do que debería estar comparecendo sobre os problemas do seu partido, e a situación xerada”.

Rosana Perez demandou a comparecencia de Rajoy, “O Presidente do Goberno debería abandoar a súa clausura e personarse na Cámara para dar as explicacións pertinentes”.

A parlamentar do BNG mencionou as “50 comparecencias que escoitamos nestes días sobre a LOMCE. E nas distintas explicacións, todos coincidían no mesmo: a falla de consenso, de diálogo e de acordo, foron as palabras máis usadas para enfatizar a ausencia de consenso”. Rosana Pérez reprochou a Wert que acusase á oposición de presentar emendas á totalidade sen texto alternativo, “se tivese esocitado as comparecencias, e se tivese demostrado algo máis que desprezo a toda a comunidade educativa, chegaría á conclusión de que é vosté quen tiña que ter presentado hoxe un texto alternativo”.

A LOMCE : “un instrumento de uniformización”

A deputada nacionalista desmontou o argumento tan manido do Ministro de que é unha lei para mellorar a calidade educativa e loitar contra o fracaso escolar.

“É unha lei que desmantela a educación pública. A LOMCE só está orientada ao éxito duns poucos, e dos que o poden pagar”. Para Rosana Pérez “nada ten que ver coa calidade educativa a blindaxe dos concertos, e as subvencións a centros que segregan por sexo”.

De igual xeito, puxo de manifesto que “a calidade non será a mesma se non se respecta o pluralismo do Estado e se afasta ao alunado da realidade cultural e social na que vive”. “É un instrumento de uniformización”. Ademáis, pregunou ao Ministro se “recuperar a relixión como evaluábel incrementa a calidade. E as reválidas? Menosprezan o traballo dos profesores”.

Asemade, denunciou a “mercantilización do ensino” e advertiu que a LOMCE vai aumentar as desigualdades e as diferenzas sociais”. Censurou o ataque á autonomía e á xestión democrática dos centros. E afirmou que “a súa preocupación non é a calidade, a súa preocupación é a españolización do alunado aínda que para iso teñan que embestir contra todo e contra todos”.

Rematou sinalando que coincidimos en que no futuro “escalaremos postos nas estatísticas de avaliación internacional, igual que agora os escalamos no ranking da corrupción internacional”.