Rosana Pérez:"A suba da partida para seguranza ferroviaria evidencia fallos no sinistro de Angrois"

Na comparecencia do Secretario de Estado de Infraestructuras, Rafael Catalá, polos Orzamentos 2014, a deputada do BNG, Rosana Pérez, aludiu ao incremento da partida destinada a seguranza ferroviaria subliñando que “é evidente que o accidente de Angrois marca un antes e un despois na materia”.

Van mellorar a seguranza no tramo do accidente de Angrois?

A parlamentar nacionalista fixo unha especial mención á partida destinada á seguranza ferroviaria. “Hai unha partida de 160 millóns de euros e vosté falou de implantar o ERTMS no Eixo Atlántico. Para o BNG este incremento da partida destinada á seguranza ferroviaria evidencia que o accidente de Angrois marca un antes e un despois nesta materia, e evidencia que non se produciu só por causas humanas como se quer insistir”. Rosana Pérez pediu ao Secretario de Estado que aclare se no tramo do accidente vai haber novas medidas de seguranza e canto se vai investir.

Rafael Catalá afirmou coincidir con Rosana Pérez en que “hai un antes e un despois do accidente de Angrois, e seguro que todos imos revisar os sistemas de seguranza”. Máis negou as deficiencias no tramo de Angrois a pesar do que se coñece a estas alturas: dixo que “o 24 de xullo estaban instalados todos os sistemas de seguranza que a lexislación vixente exixe para ese tramo”. Engadindo que “o ASFA é seguro”.

Os orzamentos de Fomento para Galiza

Na primeira das comparecencias de altos cargos de Fomento solicitada polo BNG, a deputada Rosana Pérez fixo unha avaliación xeral dos orzamentos 2014 que o Ministerio destina a Galiza, enfatizando “o seu desequilibrio e o esquecemento de actuacións” polas que Galiza leva agardando anos. Nesa liña, puxo de manifesto que o groso do orzamento vai para o AVE de conexión coa meseta, obviando a rede interior.

Lembrou que 900 millóns están destinados para a alta velocidade Olmedo-Lubián-Ourense. “Non cuestionamos que se execute o programado para o AVE, pero Galiza ten outras moitas necesidades ferroviarias que están desatendidas desde hai anos”. “Criticamos o desequilibrio dos orzamentos. Non hai nada para a modernización da rede ferroviaria interna cando algunha conexión é propia do século pasado”. “Non todo é AVE e enlace coa Meseta. Galiza está a quedar sen servizos ferroviarios entre diferentes puntos e vemos como se reducen outros moitos”.

Nese sentido, citou a conexión Ferrol-A Coruña “con trens antediluvianos”. Asemade, reprochou a falla de compromiso orzamentario para o estabelecemento dunha rede de cercanías, unha demanda xa histórica. “Galiza é das poucas CC.AA que non posúe unha rede de cercanías cando é unha das que maior dispersión poboacional ten. Iso si que sirve para a cohesión territorial”. Máis só “destinan unha cativa partida de 52.000 euros para un famoso estudo que se pospón ano tras ano”.

O BNG cuestiona o prazo de 2018 para o remate do AVE

No que atinxe ao AVE, a deputada do BNG puxo en cuestión que se vai cumprir o prazo de 2018. “Dubidamos do cumprimento da data porque hai puntos do trazado no que só se está a traballar nunha vía. Vaise garantir o AVE proxectado? Vanse rebaixar as características desa alta velocidade a Galiza?” ,son algunhas das preguntas que Rosana Pérez formulou ao número dous do Ministerio.

En relación ás conexións ferroviarias cos Portos Exteriores de Ferrol e A Coruña, Rosana Pérez subliñou tamén a falla de compromiso porque só contan “cunhas partidas ridículas” cando a dinamización dun porto depende do transporte de mercadorías.