Rosana Pérez reprocha a Montoro o silenzo sobre o dique flotante e que só "faga futuríbeis co naval"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, urxiu no Pleno ao Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, a adoptar medidas para dotar de carga de traballo aos estaleiros de Navantia en Ferrol e en Fene, e a construir o dique flotante.

Desde a tribuna, Rosana Pérez comezou a súa intervención facendo unha radiografía da dramática situación socio-económica que vive Ferrolterra, moi depedente do traballo do sector naval e que actualmente ten a taxa de paro máis alta de Galiza: un 32%. “Cada emprego directo no sector naval xenera máis de 2,5 fóra.E por cada persoas que traballa en Ferrolterra, outra está no paro”.

A deputada do BNG descrebeu a paulatina destrucción de emprego en Navantia na comarca de Ferrolterra desde os anos 80, “unha situación que foi promovida polas decisións políticas graves adoptadas polos diferentes Gobernos do estado, que nunca se acompañaron de alternativas”. Ensalzou as características do naval da Ría de Ferrol, importante pola súa avanzada tecnoloxía e competitividade, algo compartido polo Ministro Montoro na súa resposta ao BNG.

Acusou “aos deseños da UE” de destruir un sector estratéxico industrial, e de seguidismo dos Gobernos do Estado español.

Rosana Pérez puxo de manifesto os principais problemas que sofre Navantia en Ferrolterra. Nese sentido, lembrou as limitacións de Navantia Fene relegado pola UE á construcción militar. E comparou a anulación dos estaleiros galegos co medre que experimentou o naval en países como Holanda ou Noruega. “Noruega no 2012 tivo 170 pedidos, e Galiza 3”, espetou ao Ministro de Facenda.

A parlamentar nacionalista falou da angustia que vive toda unha comarca que se movilizou durante meses. Resaltou os balanzos económicos positivos dos estaleiros galegos en comparanza cos balanzos negativos dos de Cádiz ou Cartaxena. Reprochou ao Ministro ter perdida a oportunidade única dos catro gaseiros de Gas Natural que se levaron “estaleiros asiáticos”. Preguntou a Montoro “que xestións fixeron?”, e acusouno de “falla de contundencia e decisión nas negociacións”.

Un dos temas tratados pola deputada do BNG foi o relativo ao dique flotante. Lembrou que foi unha promesa eleitoral do PP, o mesmo Feixoó prometeuno na campaña de 2012, “pero apenas tres meses despois a SEPI dicía que non se podía facer debido a que a UE o pode considerar axudas do estado”. “A historia do dique foi un ir e vir, e a última produciuse na tramitacións dos Orzamentos cando o seu partido, o PP, dixo que presentaría unha emenda no Senado para o dique, pero non houbo nen emenda nen dique”.

Rosana Pérez preguntou con clareza a Montoro se o Goberno realizou consultas formais á UE sobre o dique porque “Europa di que non”. Pregunta que non tivo unha resposta clara por parte do Ministro. Asemade, lembroulle as súas palabras de hai un ano cando dixo “que Navantia estaría cortando chapa en marzo, e pasou un ano”.

En relación aos floteis, Rosana Pérez criticou os continuados retrasos pero “afortunadamente hai flotel, un único, pero non se engane porque non é a solución, é un paso pero o Goberno debe conseguer máis carga de traballo”. Tamén lle pediu a Montoro que aclarase a polémica sobre si Navantia Fene ía participar na construcción do flotel. “Para o BNG está claro que non debido ao veto da UE. Aclare este aspeito e non mateña a cortina de fume”.

RESPOSTA DO MINISTRO DE FACENDA A ROSANA PÉREZ:

O Ministro de Facenda fixo unha loa xeral da capacidade tecnolóxica dos estaleiros galegos que “están entre os primeiros do mundo” pero non ofreceu dados concretos sobre carga de traballo. Aludiu ao flotel, e pediu desculpas “publicamente porque houbo demora nos contratos pero existen. Pido perdón porque xenerei unhas expectativas para marzo de 2013 que non se produciron”.

Manifestou que Navantia “é unha empresa viábel, tecnolóxicamente avanzada”.

Sen concretar, sinalou que “está en marcha o quinto gaseiro” de Gas Natural. “Non viñeron os catro gaseiros de antes pero virá o quinto”, sen detallar nada máis. Tamén sinalou que haberá pedidos de orixe militar, mencionando a visita de Rajoy a Turquía. Rematou facendo unha afirmación xenérica de que “o Goberno español impulsará os estaleiros públicos”.

No turno de réplica, Rosana Pérez reprochoulle que non respostara á súa pregunta sobre o dique flotante, nen o veto sobre Navantia Fene. Votou a interpelalo no mesmo sentido: “díganos con clareza que fixeron na UE”. Ademáis, criticou a deputada do BNG que “só faga futuríbeis sobre a carga de traballo”,sen explicar contratos concretos.

Montoro limitouse a lembrar que o marco da UE o consideraría axudas ilegais pero seguiu sen aclarar se o Goberno do PP xestionou formalmente a solicitude ante a UE.