Rosana Pérez reprocha a Ana Pastor a "súa asusencia e falla de implicación" nos tres naufraxios

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, dirixiuse no Pleno do Congreso á Ministra de Fomento, Ana Pastor, para reclamarlle a adopción de medidas imediatas para evitar máis mortes no mar de mariñeiros.

Rosana Pérez criticou á Ministra pola súa “ausencia” e “a súa falla de implicación nas tres traxedias foi un clamor, igual que a súa falla de compromiso para atallar a perda de vidas humanas no mar”. Na súa resposta á deputada do BNG, a Ministra eludiu o debate das medidas posto que non veu á Cámara con ningunha proposta. Limitouse a sinalar de xeito xenérico que Salvamento e a Mariña Mercante “están a traballar no ámbito da prevención de accidentes” e atenderon máis de 13.000 persoas e fixeron máis de 5.000 actuacións”.

A deputada nacionalista puxo de manifesto que “entre o 1 de marzo e o 17 de abril producíronse, entre Vigo e Asturias 3 sinistros marítimos moi próximos ao litoral e coa mar en “calma branca”, que provocaron a perda de 18 vidas”.

A frota galega suma o 80% das vítimas por accidentes marítimos

A deputada do BNG salientou os factores comúns que se observan nos tres naufraxios que non se poden achacar á “casualidade, nin á fatalidade” e hai moitas incógnitas por aclarar. Así, enumerou algúns como o funcionamento dos sistemas de alerta, o momento de apertura das balsas salvavidas, se se activou a radio baliza, ou a chamada selectiva dixital de socorro, se houbo intervención do Centro de Radiocomunicacións Marítimas ou se se efectuaron os preceptivos “maydays”...

Rosana Pérez criticou a “a escasa, ou practicamente inexistente” información por parte das autoridades competentes. Ademáis, reprochou que desde o Ministerio, desde a Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos, se decidira descartar investigar o accidente do “Mar Nosso” por ter bandeira portuguesa cando a maior parte da súa tripulación é galega, igual que o seu armador.

A parlamentar nacionalista destacou o feito de que a flota galega sume o 80% das vítimas por accidentes marítimos. Afirmou que “isto indica problemas específicos, que como no caso do accidente de Angrois, coidamos que non todo é polo fallo humano, e en moitos casos, hai decisións políticas que teñen efectos na seguranza”.

Así, resaltou unha serie de factores que están a mermar a seguranza: a privatización de parte dos servizos de seguranza, subliñando que se cobre o servizo de Gardacostas ou a intervención do helicóptero de salvamento, a centralización en Madrid das emerxencias no mar, o financiamento dos desguaces pero non da renovación da frota para facela máis segura, a rebaixa da tripulación mínima nas embarcacións, o empioramento das condicións laborais ou a desaparición do seguro colectivo de accidentes do mar.

RÉPLICA DA MINSTRA DE FOMENTO

A titular de Fomento replicou a Rosana Pérez trasladando o seu agradecemento a todos os servizos que participaron nos labores de resgate nos tres naufraxios e dando as grazas á Xunta e ao Principado de Asturias desde o seu escano. Máis reprochou á deputada do BNG que “en dous anos e medio de lexislatura non se preocupara nunca” polas cuestións relativas á seguranza marítima, cando a deputada do BNG ten solicitada a comparecencia do Director de Salvamento Marítimo e ten diversas iniciativas parlamentares relacionadas con temas de seguridade marítima, e sobre todo, coa rebaixa de personal e medios en Sasemar.

Ana Pastor non aportou hoxe ningunha novidade en relación á necesidade de mellorar a proteción da seguranza dos mariñeios e se limitou a mencionar unha serie de normativas, que como denunciou Rosana Pérez, só contribuiron a empiorar os servizos e a situación dos pesqueiros.