Rosana Pérez presenta proposición para que se sancione a AUDASA e pide unha AP-9 gratuita
Rosana Pérez realiza unha serie de demandas a Fomento en relación á AP-9. Así empraza a Fomento a renegociar coa concesionaria, e a fixar no pliego de condicións a obrigatoriedade de levantar as barreiras das cabinas ante atascos que superen os dous quilómetros como se estabelece noutros territorios do estado.
Ademáis, a deputada do BNG pide a Fomento que xestione con AUDASA a rebaixa dos prezos das peaxes axustándoos á grave situación económica que padecen os habitantes de Galiza. De igual xeito, reivindica que se reclame á concesionaria a aplicación dun programa de descontos polo uso frecuente da autoestrada, análogo ao que aplica noutras autoestradas do estado. Rosana Pérez vai máis alá e insta a Fomento a proceder ao resgate da AP-9 rematando a explotación privada en máns da concesionaria a fin de convertila nunha autoestrada gratuita.
A parlamentar nacionalista quer que o Ministerio exixa á AUDASA que repercuta os seus multimillonarios beneficios na mellora da autoestrada que adoece de deficiencias en moitos dos seus tramos, e na mellora da calidade do servizo que experimentou un empioramento significativo. Finalmente, Rosana Pérez coloca enriba da mesa a necesidade de traspasar á Xunta a xestión da autoestrada AP-9.
Críticas á doble moral da Xunta
A deputada do BNG recolle na súa iniciativa parlamentar o sucedido o pasado domingo cando miles de persoas ficaron atrapadas nun enorme atasco na AP-9 á altura de Santiago de Compostela. A pesar da situación xerada de auténtica parálise circulatoria, AUDASA en ningún momento adoptou a medida de levantar as barreiras.
Lembra que o BNG leva anos levando a problemática da AP-9 ao Congreso através de proposicións que sempre recibiron o voto en contra do PP. Considera curioso que por fin o Presidente da Xunta asuma propostas como as que o BNG fixo desde sempre sobre a AP-9 e afirma que resulta satisfactorio comprobar que cando se acercan procesos eleitorais, o PP da por boas as propostas xa históricas que facemos outras formacións políticas, a pesar de que o mesmo partido que goberna na Xunta vote en contra das nosas proposicións no Congreso. Sen ir máis lonxe, recentemente no pasado mes de marzo.
E dixo que non, subliña Rosana Pérez, á anulación de calquer suba das peaxes, ao programa de descontos e e a convertela nunha autoestrada gratuita, libre de peaxes.
Rosana Pérez sinala que polo ben dos galegos e das galegas desexamos que o cambio de rumbo do Goberno galego en relación ás peaxes da AP-9 e as súa deficiencias non sexa o típico cartel propagandístico. Debemos salientar que desde o inicio da crise económica o BNG ven demandando que se paralicen os prezos das peaxes na AP-9, máis Fomento fixo ouvidos xordos.
A parlamentar nacionalista afirma que é hora de superar a vella política de peaxes, abusiva e contraproducente para os intereses dos usuarios galegos e galegas. É un modelo esgotado que a sociedade non comparte.