Rosana Pérez pregunta a Wert pola sentenza do TSXG que anula as axudas a colexios segregacionistas

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, rexistrou unha pregunta parlamentar na Cámara para preguntarlle ao Ministro de Educación pola sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que ordenou anular os concertos educativos que a Xunta mantén con cinco colexios galegos que segregan aos seus alunos por sexo.

“O recurso, puntualiza Rosana Pérez, considera que as subvencións públicas a este tipo de centros vulneran a Lei Orgánica de Educación (LOE) que prohibe a discriminación dos alunos na admisión a centros públicos e concertados”. Na LOE fica claro que “non se pode discriminar por razón de nascemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición”. Enténdese, por tanto, que admitir só a nenos ou nenas é discriminar.

Incumpre a lei actual vixente: a LOE

A deputada do BNG pón de manifesto que se debe cumprir a lei, a LOE, e respectar as sentenzas dos distintos Tribunais. “Non é a primeira sentenza deste tipo no Estado español, varias sentenzas do Tribunal Supremo deron a razón a Comunidades como Andalucía e Asturias que excluiron dos concertos a centros que segregan por sexo, mais a Xunta decidiu mantelos até que non houbese resolución xudicial específica”.

A pesar de que a denominada popularmente Lei Wert pretenda estabelecer cambios legais para blindar as axudas aos centros que segregan por sexo, a lei actual vixente, a LOE, considera que non son axudas compatíbeis.

De aí que a deputada nacionalista dirixa ao Ministerio unha serie de preguntas: “Coñece o Goberno a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza? Comparte que esas subvencións públicas vulneran a LOE?”. Coñecidas as recentes sentenzas nesa materia, “Vai o Ministerio a continuar coa pretensión de realizar cambios legais na lei educativa para que sexan posíbeis as axudas públicas a centros que separan por sexo? Non debe o Goberno garantir o principio constitucional da igualdade?”.

Por último, a parlamentar do BNG pregunta ao Executivo cantos centros que segregan por sexo perciben axudas públicas e se están ligados a confesións religiosas.