Rosana Pérez pide explicacións ao Goberno por excluir o galego das credenciais de concelleir@s

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para peder explicacións ao Goberno pola exclusión da lingua galega na escrita das credenciais emitidas para as actas de concelleiros e concelleiras.

Explica Rosana Pérez que a Xunta Eleitoral emitiu as credenciais de concelleiros en Galiza só en lingua española, obviando por completo a utilización do galego, a lingua oficial de Galiza.

“Con sorpresa vimos como a lingua como a lingua galega foi a única lingua oficial do estado que quedou excluída como opción para escreber as actas de nomeamento de concelleiros e concelleiras”, afirma Rosana Pérez.

“Flagrante discriminación do galego”

A deputada do BNG demanda unha explicación polo que considera “unha total falla de respecto a unha lingua oficial, así recoñecida na lexislación estabelecida e na propia Constitución. O Ministerio de Interior tratou o galego como se non existise” e manifesta a súa preocupación porque desde a Administración do estado se estea a “transmitir a mensaxe de que a oficialidade do galego pode ser vulnerada, minimizada e opacada”.

Rosana Pérez reprocha ao Goberno que argumente un suposto problema informático cando “non foi un caso puntual nalgunha cidade ou pobo do territorio galego, senón que foi un problema xeralizado. O galego foi a única opción de lingua oficial do estado excluída, incluso na versión bilingue, como opción no programa que direcciona as actas emitidas polas Xuntas eleitorais, que curiosamente si admitiu a opción en español, euskera ou catalán”.

Critica que a empresa Indra, “presuntamente vinculada á trama de corrupción “Púnica”, e contratada polo Ministerio de Interior para a xestión do proceso eleitoral, incorreu nun “esquecemento” do galego que consideramos grave”.

Rosana Pérez recrimina ao Goberno a marxinación que practica co galego e as constantes fallas de respecto. “Produce cansanzo lembrar constantemente á Administración Xeral do Estado a oficialidade da lingua galega: topónimos deformados, tramitacións burocráticas que non se atenden en galego, dificuldades para ter o programa PADRE en galegao ...son a liña continua dunha Administración que se nega a asumir a lingua galega como oficial”.

A deputada do BNG dirixe unha batería de preguntas ao Goberno para coñecer os motivos desta exclusión do galego, que tilda de “flagrante discriminación”. “Investigou estes feitos? Non considera que se debe investigar o proceso que levou a cabo a empresa Indra?”.