Rosana Pérez pide explicacións á Ana Pastor pola licitación dun novo estudo sobre o AVE a Galiza

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que pide explicacións á Ministra de Fomento polo novo estudo sobre a rendabilidade socio-económica do AVE a Galiza que Adif acaba de licitar.

Trátase do terceiro estudo destas características, “cando existe un Informe deste mesmo ano 2015 titulado “Estudo de rendabilidade financeira e económico-social do LAV Olmedo-Zamora-Ourense-Santiago”. Máis, a pesar de que se fixo esa análise recente Fomento procede a encargar outro máis que terá un gasto cifrado en 2,4 millóns de euros.

“Da que pensar, sobre todo nestes tempos de tantas restricións económicas. Temos que deducir que debe haber un obxectivo claro e concreto que explique esta forma de proceder”, sinala a deputada do BNG.

Rosana Pérez lembra que o AVE a Galiza pasou por numerosas vicisitudes, “que moito nos tememos que non remataron por moito que a Ministra de Fomento e o Presidente do Goberno se pasaran o verán asegurando que se cumpriría o prazo de remate marcado para o 2018. É unha infraestrutura constantemente envolta en problemas, paróns ou cambios no proxecto inicial”.

“Non se entende tanto estudo. Para que?”

Nese sentido, salienta o parón das obras durante meses nos tramos anteriores á entrada en Ourense. De igual xeito, “non podemos esquecer a rebaixa das características do AVE tantas veces negada pero real porque as empresas só traballaban nunha das marxes da vía”. Sen ir máis lonxe, o tramo Olmedo-Zamora será de vía única en 70 quilómetros dun total de 95.

Ao BNG “preocúpanos o tic economicista do novo estudo, e ese único interese por avaliar custes e beneficios, porque xa sabemos a onde leva este tipo de argumentos. Máxime se se fala de comprobar se un proxecto pode autofinanciarse e xusto cando os tramos das obras do AVE a Galiza que non se executaron aínda, están en territorio galego”.

Para Rosana Pérez é “difícil entender a necesidade deste novo estudo, salvo que exista un leit motiv que Fomento debería aclarar”. Razón pola que dirixe unha batería de preguntas ao Ministerio para coñecer se a pretensión deste estudo é o de rebaixar as características do tren de alta velocidade a Galiza.